InicioOrientalRibadeoSaen a licitación obras de acondicionamento e renovación de dous viarios en...

Saen a licitación obras de acondicionamento e renovación de dous viarios en Ribadeo

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “desde o Concello queremos anunciar que no día de hoxe sacamos a licitación pública, a través do procedemento aberto, as obras de acondicionamento e renovación do barrio da Pega e da rúa do Río do Amalló".

Publicada o

- Advertisement -

O Concello sacou a licitación as obras de acondicionamento e renovación de viarios no barrio da Pega e na rúa do Río do Amalló. O investimento ascenderá a 300.000 euros, dos que a Área de Medio Rural da Deputación de Lugo achega 285.000 euros. As empresas dispoñen de 20 días naturais para presentar as súas ofertas.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “desde o Concello queremos anunciar que no día de hoxe sacamos a licitación pública, a través do procedemento aberto, as obras de acondicionamento e renovación do barrio da Pega e da rúa do Río do Amalló. O proxecto redactado polo técnico municipal ascende a 300.000 euros. Para esta importantísima obra contamos imprescindible axuda de 285.000 euros da Área de Medio Rural da Deputación. Agora, e durante 20 días naturais, todas as empresas cualificadas poderán presentar as súas ofertas económicas. Teñen toda a información na Plataforma de Contratos do Estado ou ben na Páxina web do Concello”.

O rexedor subliñou que “damos hoxe pois, un paso definitivo para arranxar as rúas duns barrios da nosa vila que non se atopaban en bo estado de conservación e que levaban moitos anos necesitando unha mellora. Estivemos estes meses cun intenso traballo técnico para artellar uns proxectos de mellora destes viarios públicos, tendo en conta que non se trata só de viarios interiores, senón tamén de paso do Camiño de Santiago, de intercomunicación da vila coas parroquias, etc. As actuacións desenvolverémolas, concretamente, nas rúas Camiño da Pega, A Pega-Camiño do Cemiterio, Camiño da Ponte da Pega, rúa do Río de Amalló e na Veigadaira. Estes traballos centraranse na renovación do pavimento e das redes de abastecemento e saneamento”.

RÚAS CAMIÑO DA PEGA E A PEGA-CAMIÑO DO CEMITERIO

Suárez Barcia explicou que “nas dúas primeiras, que forman parte da traza do Camiño Norte de Santiago, o cambio do pavimento irá acompañado dunha transformación integral xa que se habilitará unha zona de beirarrúa, que permita o paso das peregrinas e peregrinos que discorren actualmente pola calzada, polo lado norte na rúa Camiño da Pega e polo lado sur na rúa A Pega-O Camiño do Cemiterio. Ademais, renovarase a tubaxe de abastecemento de auga municipal e substituirase a rede de sumidoiros existente por unha nova en pvc na que desaugarán as distintas acometidas de saneamento das vivendas. Ao longo do trazado, colocaranse novos sumidoiros. Na rúa do Camiño da Pega, tamén se modernizará o alumeado, con novos postes e luminarias LED”.

RÚA DO RÍO DO AMALLÓ

O alcalde contou que “na rúa Río do Amalló, farase un novo aglomerado sobre o firme existente na parte que o PXOM cualifica como solo urbanizable. Logo, no tocante á parte de solo urbano consolidado instalarase na zona mais baixa onde se atopan as vivendas, unha tubaxe para recollida das pluviais, solventando os problemas xerados polo estancamento de auga nas casas que se atopan á mesma altura que a calzada. Ao mesmo tempo, renovarase a rede de abastecemento, completarase a rede de sumidoiros existente e sinalarase vertical e horizontalmente”.

CAMIÑO DA PONTE DA PEGA E VEIGADAIRA

O rexedor engadiu que “no tocante á rúa Camiño da Ponte da Pega e na Veigadaira, os traballos centraranse no asfaltado e na limpeza dos puntos incontrolados de nacemento de maleza, tanto sobre a propia calzada como nos arredores da mesma”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...