Acisa Ribadeo entregou o seu galardón honorifico a María Josefa Peña Llano, de Mercería Biscaia, tras a súa xubilación, e formalizou a súa adhesión á COCAHI (Confederación de Centros históricos de España). O acto celebrouse no salón de plenos do Concello.
O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, na súa intervención subliñou que “María Josefa Peña Llano, recentemente xubilada de Mercería Vizcaya, representa os valores máis profundos e tradicionais desta asociación, a súa aposta pola calidade comercial, o servizo ao cliente. Esas tradicións dos pequenos comercios do noso pobo, do xa me pagarás, do cámbiao sen problema todas eses bos costumes que hoxe están a desaparecer.
María Josefa foi unha socia exemplar, que sempre confiou no traballo de Acisa cunha visión crítica e construtiva, sempre co respecto e o ánimo de contribuír para que podamos mellorar. Sen dúbida, coa súa xubilación, Acisa e Ribadeo perderon un deses negocios de toda a vida, que imprimen personalidade e calidade ao comercio local”.
Iriarte Quintana tivo tamén palabras de agradecemento para todos os membros da directiva actual e a xerencia. Ademais puxo en valor os obxectivos alcanzados nestes catro anos de mandato: “traballamos no que nos comprometiamos cos nosos socios e socias e grazas a iso conseguimos fitos como o accésit de comercio interior ou a adhesión á COCAHI, feitos que redundan na repercusión nacional da marca Ribadeo”.
O presidente do empresariado ribadense sinalou que “a adhesión que hoxe formalizamos aquí, coa Confederación de Centros Históricos de España, é un paso de xigante para Acisa. Esta incorporación sitúanos xunto coas principais asociacións do país, poñéndonos ao mesmo nivel que as grandes cidades de España. Pero non se trata só disto, senón tamén das oportunidades que nos xerará, como o acceso a axudas ou institucións ás que antes sería impensable acceder. Por iso quero agradecer ao presidente de COCAHI e á xunta directiva por aceptarnos como membros da súa organización”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, fixo un breve balance do traballo realizado neste tempo: “aínda que os últimos anos non foron precisamente fáciles, desde Acisa Ribadeo tratamos de estar á altura das circunstancias, mantendo viva e activa a nosa entidade, ofrecendo os mellores servizos aos nosos asociados. Estou seguro de que cometemos erros, pero creo e déixenme que houbo moitos máis acertos que erros. Este feito, na miña opinión, acreditouse o pasado ano co accésit dos premios nacionais de comercio interior recibido pola nosa asociación. Como xerente de Acisa e co permiso da xunta directiva, quero compartir este premio con todos e cada un dos integrantes desta importante mención, así como coas administracións, que coa súa colaboración fan posible o noso traballo”.
E engadiu: “falamos dun período de 5 anos, nos que esta entidade xestionou preto de 1 millón de euros e logrou xerar uns 30 millóns de euros na economía local, realizáronse máis de 250 actividades, colaboramos con máis de 60 eventos e asináronse máis de 30 convenios vantaxosos para os nosos socios e socios.
Foi un período no que se pasamos de 130 membros a preto de 170. E un período no que traballamos e conseguimos deixar á asociación nunha situación económica completamente saneada, pasamos dun déficit de 30.000 euros a un superávit de 5.000 euros”. Durante o acto, a COCAHI entregou un diploma acreditativo tanto a Acisa como ao Concello de Ribadeo. No evento interviñeron Pablo Vizoso, concelleiro de Turismo e Comercio; Roberto García, deputado provincial responsable da área de Participación Cidadá, e José Manuel Belo, presidente da COCAHI.
Tamén asistiron o xefe territorial de Presidencia da Xunta, Gerardo Criado, membros da directiva de Acisa, e da COCAHI, da FCAM, concelleiras do PSOE e do PP no Concello ribadense e familiares da galardoada María Josefa Pena. Desde Acisa agradecen ao Concello de Ribadeo “a cesión do salón de plenos para a celebración deste bonito e importante acto”.