InicioOrientalRibadeoA concelleira Pilar Otero representou a Ribadeo na presentación da asociación Alingua...

A concelleira Pilar Otero representou a Ribadeo na presentación da asociación Alingua en apoio do galego

Un dos obxectivos da asociación Alingua é canalizar este tipo de colaboracións dirixidas a aumentar o uso do galego, fomentar as sinerxías entre as administracións e lograr unha xestión máis eficaz destas e outras accións en materia de lingua.

Publicada o

- Advertisement -

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, asistiu en Santiago á presentación de Alingua, a asociación de entidades locais pola lingua galega. Ribadeo é Concello colaborador con esta iniciativa. Un total de 18 concellos únense en Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que naceu co obxectivo de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma. A organización xorde para darlle resposta aos múltiples retos de futuro que o galego debe afrontar. Esta iniciativa conxunta trata de fomentar a cooperación entre institucións locais e o traballo en rede. Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo e presidente de Alingua encargouse de conducir en Santiago a presentación da asociación celebrada no Auditorio de Galicia. Muíños aproveitou a súa intervención para destacar o “orgullo de termos unha lingua universal” que nos achega “identidade nun mundo globalizado”.

Do nome da asociación xorde alinguar, “verbo transitivo que significa usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións ao tempo que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que vehicula”. Trátase, segundo o propio Muíños, dun “neoloxismo case metalingüístico ao fusionar cuestións identitarias e idiomáticas”. O vocábulo, suposto “neoloxismo de moda”, está a centrar unha campaña a medio camiño entre a ficción e o falso documental a través das redes, protagonizada polas intérpretes Gloria Rico e Tania Yáñez.

A campaña conta con colaboracións como a das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman (que como compositora asina a sintonía da Asociación), a cantante MounQup, os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana, as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey, o escritor Isamel Ramos e a artesá Elena Ferro. Tamén participan a psiquiatra Iria Veiga, o intérprete Xosé A. Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapeiro O Rabelo, a influencer Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade. Todas estas personalidades da sociedade participan nas pezas audiovisuais da campaña, que procuran subliñar o orgullo de contar cunha lingua propia e espallan mensaxes clave como son “E ti que alinguas?”, “O teu algoritmo fala galego?” ou “A lingua sitúanos no mundo”.

Os municipios que constitúen Alingua son A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. As institucións locais integrantes xa veñen colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, iniciativas colaborativas de dinamización lingüística. Un dos obxectivos da asociación Alingua é canalizar este tipo de colaboracións dirixidas a aumentar o uso do galego, fomentar as sinerxías entre as administracións e lograr unha xestión máis eficaz destas e outras accións en materia de lingua.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...