Acisa Ribadeo convoca asemblea extraordinaria para proceder á renovación da súa xunta directiva o 21 de xullo. Ata entón a actual estará en funcións e a xerencia asume “provisionalmente e con limitacións acordadas a dirección efectiva do colectivo”.
O xerente, Jesús Pérez, explica que “o máis destacado da asemblea foi a convocatoria de eleccións para o 21 de xullo, así como a explicación ante os socios do proceso electoral. Este ábrese hoxe mesmo, dando así un prazo de 3 meses, para que se poidan conformar e presentar as candidaturas, que teñen desde hoxe e ata o 14 de xullo ás 14:30 horas para presentarse. Aínda que a recomendación que se fixo na asemblea é que, se realmente hai alguén interesado canto antes preséntese para poder poñerse ao día, debido ao gran volume de proxectos e actividades, moito mellor. Calquera interesado, pode informarse de que debe de facer e como, ante a xerencia, onde lle daremos toda a información. Durante este tempo ata a celebración das eleccións, a xunta directiva actual pasa a estar en funcións, e a súa potestade é a de vixiar o desenvolvemento das actividades programadas e aprobadas na asemblea, cuxa dirección efectiva queda provisionalmente en mans da xerencia, coas limitacións establecidas no mesmo proceso electoral. Isto busca que non se paralice a actividade da nosa entidade”.
Pérez Prada engade que “nesta asemblea tamén se informo do peche de contas do 2021, que foron aprobadas polos asistentes á asemblea. Nas mesmas destaca a recuperación económica da entidade. Aprobouse o orzamento anual do 2022, así como a programación na que se vai poder traballar, que se limita ata o mes de setembro, cando entendemos que a nova directiva xa estea perfectamente axustada ao funcionamento de Acisa e poida enfocar así o último cuadrimestre do ano”.
O xerente de Acisa engade que “por último fíxose unha análise do ano 2021 da situación económica e das actividades desenvolvidas por Acisa, así como as subvencións conseguidas, e os logros alcanzados. A este respecto tamén se expuxeron os proxectos nos que a directiva actual e a xerencia están a traballar, co fin de deixalos listos para a entrada da nova directiva. Destacan as negociacións co Concello de Ribadeo sobre o convenio anual, así como a presentación dunha solicitude ante a Deputación de Lugo para obter novo financiamento. No ámbito dos proxectos, subliñamos a aposta polo traballo que se está desenvolvendo grazas á adhesión á Cocahi, como son as iniciativas englobadas no plan nacional de recuperación dos centros históricos e o comercio; os proxectos para solicitar fondos europeos como poden ser os de experiencias turísticas, ou a promoción de Ribadeo como municipio turístico e do Camiño de Santiago, especialmente o Camiño do Mar. Tamén se expuxo a programación de actividades prevista ata setembro, así como as posibles colaboracións en eventos importantes para a hostalería e comercio locais, ademais dos traballos xa iniciados e moi canalizados do Ribadeo Indiano para este 2022. Por último, tamén se aprobou por parte de todos os asistentes á asemblea de onte, que as cotas mensuais sigan sendo as mesmas que ata o de agora, para facilitar a viabilidade económica da entidade”.
O xerente e a directiva en funcións póñense ao dispor das posibles candidaturas para ofrecerlles a información que precisen.