IniciosociedadeAs vítimas do franquismo serán recordadas en Ribadeo cos seus nomes gravados...

As vítimas do franquismo serán recordadas en Ribadeo cos seus nomes gravados en corenta adoquíns

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “celebraremos un acto ben bonito, un acto de recuperación de memoria histórica o vindeiro xoves, 31 de marzo, á unha da tarde no parque de San Francisco".

Publicada o

- Advertisement -

O vindeiro xoves, 31 de marzo, o Concello colocará 40 adoquíns en homenaxe ás vítimas do franquismo. Formará parte das máis de 75.000 que a Fundación Stolpersteine leva postas desde 1997 en 20 países en toda Europa. Ribadeo será o primeiro Concello de Galicia en contar con este recoñecemento.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “celebraremos un acto ben bonito, un acto de recuperación de memoria histórica o vindeiro xoves, 31 de marzo, á unha da tarde no parque de San Francisco. Trátase do inicio da colocación duns 40 adoquíns en homenaxe ás vítimas do franquismo. Esta acción formará parte do proxecto que a Fundación Stolpersteine foi poñendo en máis de 20 países de Europa. Hai máis de 75.000 pedras da memoria colocadas desde hai máis de 20 anos”.

O rexedor subliñou que “o Concello de Ribadeo vai lembrar a 40 homes e mulleres que naceron, viviron e/ou traballaron ou tiveron vinculación con Ribadeo, os cales foron asasinados, paseados, fusilados ou mortos, vítimas da represión franquista durante a guerra e a posguerra”.

Fernando Suárez indicou que “este acto será aberto a toda a cidadanía e contará tamén coa presenza de familiares dos represaliados. Tamén estará en Ribadeo o fundador deste proxecto, Gunter Demnig, que se achegará para colocar estas primeiras pedras, sendo Ribadeo o primeiro Concello de Galicia en contar con este tipo de recoñecemento”.

O alcalde explicou que “o obxectivo desta homenaxe é romper un dramático e prolongado silencio arredor dos crimes cometidos durante o franquismo. Coa colocación destas Pedras da Memoria, estas vítimas recuperarán o seu lugar na mente e no corazón dos ribadenses e de todas as persoas que se acheguen aquí, porque unha serie de pedras se colocarán onde se ten a certeza que estas persoas viviron ou traballaron inxustamente asasinadas”.

E engadiu: “ademais do acto de colocación das Pedras da Memoria, terá lugar a proxección dun audiovisual producido polo Concello de Ribadeo no que se recollen algunhas das historias destes represaliados contadas polos seus familiares. En definitiva, preservar a Memoria Histórica como un ben social moi prezado forma parte da nosa responsabilidade, é un dereito e, á súa vez, unha fonte de coñecemento e aprendizaxe para que estes tristes episodios nunca máis se repitan”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...