Concello e Consellería de Sanidade coinciden na elección dos terreos para a construción do novo centro de saúde, que podería estar situado na Avenida de América, fronte á estación de servizo. O alcalde, Fernando Suárez, ven de dirixirlle unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na que o informa do estado de todo este proceso e demanda apoio do persoal técnico da Consellería para axudar a resolver as dúbidas que poidan ir xurdindo.
O rexedor contou que “enviamos hoxe unha comunicación formal, sincera, leal e honesta dando resposta ao escrito que nos mandou hai poucos días o conselleiro de Sanidade, que neste documento infórmanos de que consideran dúas das cinco propostas que desde o Concello se lle propuxeron na xuntanza técnica que mantivemos con el na Consellería de Sanidade, en Santiago. Desde entón encargamos a uns profesionais solventes un estudo de viabilidade técnico, económico, temporal e de procedemento a seguir para poñer a disposición da Consellería de Sanidade os terreos necesarios para a construción dun novo centro de saúde”.
Suárez Barcia indicou que “o documento foi recibido no Concello hai escasos días e nel póñense de manifesto todas as consideracións a ter en conta nestas dúas posibilidades. Ademais solicitáronse tamén nestes días, e acábanse de emitir, os informes técnicos e xurídicos municipais que, unha vez valorados os tempos, os custos económicos e as tramitacións administrativas, conclúen propoñendo unha das dúas opcións, que ao fin e ao cabo é a principal da propia Consellería de Sanidade, que está referida aos terreos situados na Avenida de América, enfronte da estación de servizo”.
O alcalde ribadense dixo que “polo tanto, desde o goberno municipal, facendo caso destas propostas e atendendo ás razóns de interese público sinaladas, imos proceder á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal e imos iniciar a contratación dos traballos para a súa modificación, así como tamén para a realización posterior do proxecto de expropiación destes terreos afectados, dado que a día de hoxe non son municipais”.
Fernando Suárez manifestou: “somos conscientes dos inevitables prazos nas tramitacións administrativas para a adquisición destes terreos pois tamén, hai que dicilo, serán necesarios informes sectoriais preceptivos e vinculantes de diferentes departamentos da propia Xunta de Galicia. De aí que lle tomáramos tamén a palabra ao conselleiro de poder contar co apoio do seu persoal técnico para axudar a resolver as dúbidas que poidan ir xurdindo ao longo do proceso. E isto é nin máis nin menos que irmos traballando conxuntamente no proxecto que a Consellería propón e que tamén facemos noso, por suposto”.