A Banda Municipal de Música de Ribadeo volveu a actuar o pasado mércores logo de dous meses sen actividade, aínda que continuou con ensaios durante ese tempo. O concerto foi o de Semana Santa e tivo lugar na igrexa parroquial de Santa María do Campo e no que debutou un novo músico: o trompetista Quico Jordá.
O director da Banda ribadense, David Ballester Martínez, agradeceu aos párrocos de Santa María do Campo e á asociación Amigos da Semana Santa a súa colaboración por permitir levar a cabo o concerto na igrexa, que “é o sitio idóneo para ese tipo de pezas”. Ademais pediu ao numeroso público asistente un forte aplauso para os músicos da formación “polo esforzo que fixeron durante todo este tempo despois do confinamento, sacando tempo libre do seu para participar nos ensaios e para que a Banda continuara cos concertos que puido levar a cabo durante a pandemia”.
Durante a actuación da Banda de Ribadeo interpretouse o Adagio, de Tomaso Albinoni; Jesu, joy of man´s desiring, de Johann Sebastian Bach; Pasa la Soledad, de J. Antonio Molero Luque; La Madrugá, de Abel Moreno Gómez; Cristo del amor, de Francisco Javier Moreno; Crucifixus, de José Alberto Pina Picazo; y Hosanna in excelsis, de Óscar Navarro González
O próximo concerto da Banda ribadense será o día 30 deste mes en Trabada e o 14 de maio ofrecerá a tradicional actuación das Letras Galegas en Ribadeo.