Acisa fai un balance positivo da Semana Santa. Desde a xerencia subliñan que Ribadeo foi elixido estes días coma o centro comercial coas mellores vistas.
Jesús Pérez sinalou que “despois de dous anos moi complicados para o sector da restauración e da hostalería podemos dicir que o balance que nos deixa esta Semana Santa é moi positivo. Deu gusto pasear estes días, sobre todo a partires do mércores, polas rúas de Ribadeo e velas ateigada de xente, ver que o comercio local tiña movemento, que as terrazas estaban cheas, que houbo lista de espera nos restaurantes, que a ocupación nos hoteis roldou de media mais do 80%, algúns días incluso foi superior en moitos hoteis”.
O xerente de Acisa dixo que “nos facía moita falla este movemento para dar case por superada a pandemia do covid-19. Ribadeo ten moito tirón e agardamos que de cara ao verán sigamos na mesma liña. Recuperamos imaxes e cifras de 2019 nesta Semana Santa, algo que nos parece moi importante”.
Pérez Prada engadiu que “o movemento no comercio tamén foi importante. Pensamos que coa recuperación das celebracións típicas destas datas: comuñóns, vodas, etc… se irá animando un pouco máis, porque todo iso ou non existiu ou estivo moi parado nos últimos meses”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo manifestou que “foras por onde foras estes días atopabas xente. Polo casco histórico, polo porto, polos paseos, polas praias, polas Catedrais, polo Camiño do Norte… estamos moi contentos do discorrer da Semana Santa en Ribadeo”.1º
+*