InicioOrientalRibadeoO Concello de Ribadeo solicita ao Goberno unha axuda para a restauración...

O Concello de Ribadeo solicita ao Goberno unha axuda para a restauración do antigo Xulgado de Paz

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “recentemente presentámoslle ao goberno do Estado unha solicitude de axuda ao abeiro da convocatoria de axudas a Concellos para a rehabilitación de edificios públicos (PIREP)".

Publicada o

- Advertisement -

O Concello ven de solicitar unha axuda ao goberno do Estado para a rehabilitación do edificio municipal que estivo a ser utilizado durante moitos anos como sede do xulgado de paz de Ribadeo. O proxecto integral para o acondicionamento e rehabilitación enerxética dese edificio ascende a 296.000 euros. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que si o Estado lle outorga esa axuda ao Concello ese inmoble sería novamente a sede do xulgado de paz e o que o Concello vai recibir en permuta en pouco tempo, na Praza de Abiaxo, quedaría para outros usos sociais e municipais.

O rexedor explicou que “recentemente presentámoslle ao goberno do Estado unha solicitude de axuda ao abeiro da convocatoria de axudas a Concellos para a rehabilitación de edificios públicos (PIREP). Estas axudas baséanse especialmente na eficiencia enerxética e na accesibilidade en edificios públicos. Por iso, vimos unha boa oportunidade para rehabilitar o edificio municipal que estivo sendo utilizado durante moitos anos como sede do Xulgado de Paz de Ribadeo”.

Suárez Barcia lembrou que “este edificio presenta actualmente unhas gravísimas deficiencias que o imposibilita para prestar ningún servizo público. O edificio, durante moitos anos, estivo cedido para sede do Xulgado de Paz, pero en materia xudicial o seu persoal, etc. son competencia e responsabilidade da Xunta de Galicia. Xa hai varios anos, tentamos pedir axuda para a súa adecuación, rehabilitación, pero o que nos chegou ofrecer o conselleiro Alfonso Rueda, que en breve será presidente da Xunta, foron migallas pois non chegaba ao 15% de todo o seu custo que daquela proxectamos nuns 180.000 euros. De aí que renunciásemos a levar adiante esta actuación por considerala moi gravosa para o Concello”.

O alcalde de Ribadeo seguiu a relatar que “tempo despois quixemos buscar unha solución digna para o Xulgado polo que optamos por darlle este uso ao edificio situado tamén na Praza de Abaixo e que recibiremos como permuta pola pequena parte que o Concello tiña na Torre dos Moreno. E agora á vista destas convocatorias de fondos europeos que canaliza o Estado, quixemos presentar un proxecto serio baseado nestes criterios da convocatoria: o acondicionamento e rehabilitación enerxética do edificio do antigo Xulgado de Paz de Ribadeo”.

Fernando Suárez subliñou que “o proxecto integral que agora presentamos ascende a practicamente 300.000 euros e tería que estar rematado en setembro de 2024. Contémplanse ambiciosas partidas para substitución da cuberta, dos pavimentos interiores, instalación de ascensor, revestimento exterior de fachada, instalación de illamentos térmicos, substitución de carpinterías exteriores, nova compartimentación interior adecuada as necesidades funcionais e adaptación das instalacións ás necesidades modernas dunha administración dixital”.

E engadiu que “se finalmente nos outorgan esta importante axuda, a intención do goberno municipal sería a de manter este nobre e simbólico edificio municipal como sede do Xulgado de Paz, quedando o outro inmoble que imos recibir en permuta en pouco tempo para outros usos sociais e municipais. Confiemos ser merecedores desta axuda por parte do goberno do Estado”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...