Os grupos de 1º de Bacharelato do IES Ribadeo Dionisio Gamallo participaron o pasado venres día 20 dunha xornada da EUROESCOLA inaugurada ás 9:30 pola presidenta Roberta Metsola que saudou ás 7 escolas españolas que participamos no evento xunto a outras 90 de toda Europa. Un total de case 3000 alumnos e alumnas de 24 países nesta terceira sesión de EUROSCOLA deste curso.
Esta é segunda vez que o IES é convidado á EUROSCOLA das tres ocasións que se celebrou durante o presente curso. Nesta xornada os temas que traballaron foron presentados baixo o epígrafe “Oportunidades e riscos na era dixital”, e o alumnado podía intervir directamente a través da propia plataforma do Parlamento ou a través dunha plataforma de intercambio de comunicación para todas as escolas europeas.
Antes da reunión houbo unha charla de Luca Parmitano, un dos astronautas da Axencia Espacial Europea, que respondeu a todas as preguntas que o alumnado puido facer durante media hora que estivo no IES.
Na segunda parte da xornada, interviu Sonia Livingstone, profesora de Psicoloxía Social na London School of Economics & Political Science, que falou sobre redes sociais e ciberacoso, e animou a debater sobre o problema do acoso nos distintos aspectos da vida actual e nas distintas etapas da vida dos individuos.
A terceira parte do evento estivo dirixida por Markus Warasin, Director Xeral de Políticas Exteriores da UE, quen falou sobre ciberseguridade e infraestruturas críticas, desinformación e noticias falsas, e os problemas da Democracia na era dixital.
Para pechar o evento entrevistouse a Heidi Hautala, vicepresidenta do Parlamento Europeo, que tamén mantivo comunicación directa co alumnado que quixo intervir directamente ou enviou as súas preguntas mediante as canles establecidas.
O IES apunta que a súa tarefa como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo non rematou, quedan aínda proxectos e tarefas que completar e as compartiremos con toda a comunidade educativa como testemuña do traballo en pro dunha sociedade mellor