A Área de Cultura do Concello celebra este sábado os sete anos do proxecto Apego, que busca potenciar que as persoas adultas lles transmitan ás crianzas o amor polo idioma galego. No parque do Xardín haberá actividades a partir das cinco da tarde.
A edil Pilar Otero dixo que “Apego é unha idea a nivel galego que xunta entidades locais e universidades, concellos de cidades grandes e de vilas medianas e pequenas, municipios rurais e de todas as cores políticas. Iso é o importante, o idioma é unha riqueza de todos e todos e todas debemos usalo para que siga vivo, independentemente das nosas ideas. É patrimonio común”.
A concelleira de Cultura subliñou que “sempre hai que aclarar que usar o galego, transmitirllo ás nosas nenas e nenos, non significa que nos pechemos aos demais idiomas. Ao revés, o ideal é saber cantos máis mellor para acceder de primeira man a moitas culturas. Mais o que está a pasar é o contrario. Abandónase o propio porque se segue a ter o prexuízo que o de fóra é mellor, cando temos unha lingua milenaria, dunha riqueza extraordinaria. Recollemos un pouco a bandeira das Tanxugueiras que, cantando en galego, demostran que non hai fronteiras”.
Otero Cabarcos dixo que “a maioría das aproximadamente duascentas familias do Apego de Ribadeo residen no concello. Mais hainas doutros como A Pontenova, Pol, Viveiro, Alfoz, Vilalba, Barreiros, Xove… porque Ribadeo é o único concello da provincia ata agora onde se leva a cabo o proxecto”.
A edil ribadense lembrou que “ao longo de sete anos, á parte de música e teatro, organizáronse actividades como sesións de matronatacións con bebés, sesións de arrolos, saídas para recoller plantas e facer un herbario, obradoiros de xogos educativos… e todo tendo como meta potenciar a transmisión do galego ás novas xeracións”.
E engadiu que “este sábado está planificada unha festa no parque do Xardín -se chove os espectáculos serían no Teatro-. Charo Pita vailles contar contos aos máis pequenos e despois Xoán Curiel e a Banda do Verán darán un concerto cuns zombies moi divertidos para os máis grandiños. Animamos a todas e a todos a achegarse ao parque do Xardín a gozar desta festa do Apego”.