Rematou o curso preparatorio para os exames de Competencias Clave de Nivel 2, que se veu impartindo dende principios do mes de maio da man da Área de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo do Concello de Ribadeo, dentro do programa Ribadeo SUMA EMPREGO.
Pablo Vizoso sinalou que “un ano máis o Concello de Ribadeo apostou por financiar con fondos propios esta formación nas materias de Competencia matemática Nivel 2, Comunicación en Lingua Castelá Nivel 2 e Comunicación en Lingua Galega Nivel 2”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local explicou que “a superación destas competencias clave permite ás persoas participantes cursar accións de formación ocupacional con certificado de profesionalidade de Nivel 2, que contribúen considerablemente á mellora do seu acceso ao mercado laboral”.
Os exames van ter lugar mañá, 25 de xuño, nas instalacións da Feira Internacional de Silleda. Vizoso Galdo subliñou que “ante a ausencia de transporte público e a non dispoñibilidade de transporte privado de parte do alumnado, o compromiso do Concello esténdese nesta ocasión a apoiar o desprazamento a Silleda para poder realizar os exames que levan preparando nas últimas semanas. Todo o equipo da Área de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo do Concello de Ribadeo deséxalles moita sorte nestas probas, seguro que o seu esforzo se verá recompensado”.