Concello e Acisa ultiman algúns detalles do VII Ribadeo Indiano, que se celebrará do 8 ao 10 de xullo. A pregoeira desta edición, que está dedicada á muller, será a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.
Este pasado domingo arrincaron as antevésperas cun coloquio literario con Xesús Fraga na Casa do Viejo Pancho ás oito e media da tarde. E seguirán coas actuacións musicais de Jamila Purofilin mañá, sábado, no auditorio ás nove da tarde e o domingo no quiosco da música con Boroa tamén ás nove.
As vésperas do Ribadeo Indiano seguirán o luns, 4 de xullo, coa proxección no Teatro de Apuntamentos para un filme: A cicatriz branca, documentario sobre a película de Margarita Ledo Andión. O martes na rúa Rodríguez Murias terá lugar a inauguración da exposición fotográfica Mulleres galegas na emigración ás 20:30 horas e a continuación no Teatro está prevista a presentación do especial do mesmo nome, integrado no proxecto de Historias de Ida e Volta do Consello da Cultura Galega. As vésperas rematarán o 6 de xullo na praciña da Fonte Nova coa inauguración ás 20:30 horas do mural Estampas do retorno, de Joseba Muruzábal.
A programación do Ribadeo Indiano 2022 arrincará o 8 de xullo no Teatro ás sete da tarde co acto de presentación do evento e co pregón que pronunciará Rosario Álvarez, a presidenta do Consello da Cultura Galega. Ese día haberá a tradicional baixada ao peirao de Porcillán co cuarteto tradicional Illa Pancha, actuación alí mesmo da Banda Municipal de Música de Ribadeo para darlles á benvida aos indianos que chegarán esa tarde á vila ribadense.
Os concelleiros de Cultura e Turismo, Pilar Otero e Pablo Vizoso, explicaron que “durante os tres días do Ribadeo Indiano teremos moita música en diferentes recunchos da nosa vila como no quiosco do parque de San Francisco, onde haberá verbenas, no barrio de San Roque, no Cantón, onde contaremos con clase de bailes latinos. Gozaremos tamén cos acordes da actuación da Banda Municipal de Música de Ribadeo, celebrarase o XXVI Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana. Teremos visitas á casa indiana de Don Inocencio, á Casa do Óptico, paseo polo legado indiano de Vilaframil, Rinlo e A Devesa, onde se celebrará o xantar campestre o domingo. Haberá Circo Indiano con Cayetano Lledó. Teremos o Mercado de Ultramar, Mercado da Horta, visitas teatralizadas, coloquios cinematográficos, xincana, torneo de petanca… Ribadeo converterase nunha fermosa postal de principios do século XX durante a fin de semana do 8 ao 10 de xullo”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, manifestou que “desde a organización animamos a ribadenses e visitantes a disfrutar desta cita pola que levabamos dous anos agardando. Queremos que casas de comidas, hoteis, comercios e domicilios particulares se engalanen para a ocasión co obxectivo de ver un Ribadeo espectacular cheo de hortensias, de camelias, de palmeiras e tinguido de branco”.
Otero e Vizoso engadiron: “detrás desta programación hai moitos meses de traballo entre Acisa e o Concello para que este Ribadeo Indiano sexa unha cita inesquecible. Convidamos a todo o mundo a asistir aos actos previstos: aos musicais, aos teatrais, aos coloquios, ao pregón… que culminarán o domingo, 10 de xullo, co concerto da artista mexicana Lila Downs no barrio de San Roque a partir das oito e media da tarde. E despois será o sorteo presencial dunha viaxe a Cuba para dúas persoas. Vémonos no sétimo Ribadeo Indiano polas rúas e nas hospitalarias casas de comidas e de bebidas”.