Chegan a Ribadeo conexións móbiles máis veloces e mellor cobertura cos despregamentos 4G e 5G. Esta nova tecnoloxía permitirá gozar de servizos de datos móbiles de alta velocidade, mellorará a cobertura no interior de edificios e ampliará a extensión xeográfica.
O alcalde, Fernando Suárez, contou que “as operadoras de telefonía móbil, Telefónica, Vodafone e Orange, anunciaron que durante as próximas semanas realizarán en Ribadeo o proceso de implantación dos servizos de telefonía móbil de nova xeración, tanto de 4G como de 5G, sobre as bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, o que permitirá aos ribadenses gozar de conexións móbiles de alta velocidade cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica por todo o noso concello”.
O rexedor fixo que “esta nova rede de telefonía móbil ten dúas melloras fundamentais. A primeira é que resolve diversos problemas relacionados coas orografías presentes no noso territorio e a segunda é esta grande penetración en zonas interiores dos edificios. Pero ademais disto tamén nos informan de que quizais no inicio da implantación, deste despregue, destas novas tecnoloxías poida haber nalgúns casos algúns problemas de interferencia coa TDT actual. Entón para iso anuncian un teléfono de atención gratuíto que é o 900 833 999 ou unha páxina web que é www.llega700.es para que todas aquelas persoas que poidan ter algún problema de interferencia na súa TDT por mor desta implantación de telefonía móbil que contacten con eles. En todo caso si teñen algún problema que se acheguen polo Concello porque tamén os podemos orientar”. E engadiu que “isto vai ser unha boa cousa para as veciñas e dos veciños de Ribadeo”.