A SD Ribadeo arrinca a tempada cunha nova directiva elixida nas eleccións celebradas o pasado mes de maio. A nova directiva está formada por 9 nais e pais de nenas e nenos pertencentes ao club, que deron un paso adiante ante o risco de disolución da entidade e ao non presentarse ningunha outra candidatura. Nesta nova etapa a SD está presidida por Valentín Coto Pérez, a secretaria é María José Tella Costa, a tesoureira é Mª Visitación Docobo López e como vogais figuran Ángel López, Manuel Bautista, Óscar Otero, Rubén Díaz, Pablo Cartoy e Edixon Zambrano.
O presidente da SD Ribadeo, Valentín Coto, sinala que “sabemos que nos enfrontamos a un reto difícil, pero que á vez é apaixonante no que todas e todos deberemos poñer o mellor de nós mesmos para sacar adiante á SD. A nosa intención é que os máis de 170 nenas e nenos que forman parte do club poidan seguir gozando do fútbol e adquirindo valores e coñecementos”. Coto tivo palabras de agradecemento para as anteriores directivas: “queremos destacar o labor realizado polas anteriores directivas desde a constitución da SD”.
O presidente da SD Ribadeo alude aos obxectivos marcados: “tentaremos modernizar en todo o posible o club, potenciando a formación no deporte das xogadoras e xogadores e mantendo o espírito polo que se constituíu no seu momento a SD Ribadeo. Para afrontar a próxima tempada e tentar establecer unha adecuada organización deportiva, a Xunta Directiva que presido acordou delegar a xestión deportiva do club en Rubén de Castro Donato, adestrador UEFA PROL e con sobrada experiencia nestes mesteres e que seguramente nos axudará a afrontar os retos futuros”.
Valentín Coto insistiu en que o prazo de inscrición para formar parte da SD Ribadeo finaliza o próximo 30 de xullo: “gustaríanos lembrar a todas aquelas nenas e nenos de entre 4 a 18 anos que queiran gozar do fútbol que poden inscribirse no noso club enviando un correo a sdribadeo@sdribadeo.info ou chamando ao teléfono 686166715”.