Este venres inaugurouse en Ribadeo a exposición A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas.
A mostra, que se pode visitar no Campo de San Francisco ata o 7 de agosto, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo. Foi inaugurada este mediodía por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, e pola concelleira de Cultura, Pilar Otero. Ribadeo é a primeira etapa desta exposición que viaxará logo por Foz, Sarria, Vilalba, Chantada e Becerreá, grazas á Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Anxo Angueira dixo que “esta exposición fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa”.
O presidente da Fundación Rosalía explicou que “son como catro espazos, catro cuartos que van contando a historia da casa. Tamén está a porta, tamén está a fiestra e desde aquí Rosalía podería ver o mar da ría de Ribadeo e o mar Cantábrico. Para nos é unha satisfacción extraordinaria ver como Ribadeo e a Deputación de Lugo queren facer súa a Rosalía, porque Rosalía é de todos, non é de Padrón en exclusiva nin é de Santiago, Rosalía é de todos, pero especialmente daqueles como o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo que a queren facer súa. Para nós é un día feliz porque a xente poida ver aquí en Ribadeo tamén que a Casa de Rosalía é o esforzo comunal de todo o pobo galego durante décadas”.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, tivo palabras de agradecemento: “agradecer que Ribadeo sexa a primeira parada desta exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía. Agradecer á Vicepresencia da Deputación e á Fundación Rosalía por contar co Concello de Ribadeo”.
E subliñou que “para nós ter exposicións deste calado é moi importante. A xente que se achegue a Ribadeo vai poder coñecer un pouco máis da historia desta Casa Museo de Rosalía, que tanto custou e que contou co apoio de tanta xente de aquí e de acolá, xente da emigración, esa xente que tamén é moi importante para os ribadenses e para a historia de Ribadeo”.