IniciosociedadeVeciñanza defende o "dereito a facer un uso totalmente libre" da Illa...

Veciñanza defende o “dereito a facer un uso totalmente libre” da Illa Pancha

Critica que o alcalde de Ribadeo "non informa da realidade cando afirma que se seguiron os trámites legais".

Publicada o

- Advertisement -

A asociación veciñal ‘Por Nuestro Faro’ vén de denunciar, ante o anuncio do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, de levar o asunto do acceso da Illa Pancha ante a Fiscalía, que o Concello “apoiou dende o primeiro momento o proxecto de privatización da Illa promovido pola Autoridade Portuaria”.

A asociación lembra que no 2017, Fernando Suárez autorizou a reapertura do hotel tras “solventar”, segundo os técnicos, as deficiencias técnicas observadas. “Nesta ocasión Fernando Suárez informou de que o promotor garantía o acceso público á mesma Illa Pancha. Como sabemos o acceso público nunca foi respectado polo concesionario nin esixido polo Concello”, sentenza a asociación.

Catro anos despois, o concesionario, coa apertura da cafetería, decidiu abrir a illa “en función de horarios ditados polo seu propio interese comercial”, e “sen que iso supuxese o máis mínimo problema para o Concello de Ribadeo”, denuncia ‘Por Nuestro Faro’. Coa recente resolución da Autoridade Portuaria de abrir a illa ao público, o Concello acata -porque llo mandan expresamente- unha das condicións de apertura do hotel.

Así mesmo, dende a asociación lembran que o Defensor del Pueblo informou á Autoridade Portuaria e ao Concello en febreiro de 2016 “que o proxecto era ilegal porque lle faltaba o Estudo de Impacto Ambiental”. “O alcalde púxose de costas e consultou a súa opinión á Autoridade Portuaria, que respondeu con evasivas e sen ningún argumento xurídico”, denuncia a asociación. Tras outros cinco informes do Defensor, a Autoridade Portuaria acabou recoñecendo a necesidade do Estudo de Impacto Ambiental, se ben, critica a asociación, “non o realizou”.

Por todo isto, ‘Por Nuestro Faro’ asegura que o alcalde de Ribadeo “non informa da realidade cando afirma que se seguiron os trámites legais”. “O que se seguiron foron as instrucións da Autoridade Portuaria pero non a lexislación vixente. Aínda máis, no pleno do 23 de marzo de 2017, ao que asistimos como colectivo, o Sr. alcalde declarou que o Defensor del Pueblo podía ser un incompetente. Folgan comentarios”, denuncia.

O Concello, segundo asegura a asociación, “segue defendendo o dereito da Autoridade Portuaria a regular as entradas e saídas e a concesionar un edificio do que non fai uso dende 1981”. Pola súa banda, ‘Por Nuestro Faro’ sinala que seguirá “defendendo os intereses dos veciños de Ribadeo e dos visitantes a facer un uso totalmente libre da Illa Pancha, porque é un dereito democrático e legal”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...