A música e a moda dos anos 60 e 70 encherán de son, luz e ambiente vintage o parque de San Francisco este sábado, 27 de agosto. Alí se celebrará a partir das 20:30 horas o Guateque que organiza a Comisión de Festas de Ribadeo coa colaboración de Acisa, a Asociación de Comerciantes Industriais, de Servizos e Autónomos de Ribadeo, para recadar fondos de cara ás festas patronais.
A cita estará amenizada con música da época. Carmen Cruzado, presidenta de Acisa, considera “o Guateque é unha cita moi bonita pola que hai moita xente agardando, e despois do parón da pandemia, creo que será unha xornada na que todos e todas o pasaremos en grande”. “E ademais, engade, “é unha maneira de colaborar coa comisión de festas”.
A celebración tamén contará cun sorteo de dous premios. “Trátase dunha caixa regalo dunha viaxe de dúas noites para dúas persoas a escoller entre 1.500 destinos e 100 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados a Acisa. O sorteo será presencial, a media noite, e as rifas entregaranse de forma gratuíta con cada consumición”, explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez Prada.
O presidente da comisión de festas, Martín Graña, manifestou a “ilusión” de organizar este encontro e agarda que a xente o pase moi ben e que regrese por un momento a eses bonitos anos”. Acisa agradece, pola súa banda, a colaboración nesta campaña de Eroski Viajes e do Concello de Ribadeo.