Música e cinema para as crianzas de Ribadeo este domingo

A Banda Municipal de Ribadeo ofrece un concerto no auditorio municipal Hernán Naval dirixido ás crianzas.


A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrece o seu concerto de música de cine este domingo, día 28, ás 20:30 horas no auditorio municipal Hernán Naval. Nesta ocasión está dirixido fundamentalmente ás crianzas e familias.

O director da Banda ribadense, David Ballester, explicou que “é un concerto bastante coñecido por todos, que tivo moitísima aceptación dende que o retomamos. Imos interpretar un repertorio que está dirixido sobre todo aos nenos, e a nosa música estará acompañada con imaxes de películas como Encanto, Coco, Star Wars ou A Historia Interminable, entre outras. Queremos que se sintan como se estiveran véndoas no cine”, detallou.

Ademais, David Ballester destacou a novidade de todas as pezas que van ser tocadas, posto que tan só dúas son coñecidas pola Banda dende hai tempo. “Quero resaltar ese esforzo que fan os músicos por sacar a Banda adiante, para que isto funcione e que siga por moito tempo co concerto de música de cine e con todas as demais actuacións”, dixo ao respecto.

O director da Banda ribadense animou finalmente a que “os pais ou os avós se acheguen ao auditorio Hernán Naval e traian aos nenos para que poidan gozar desas películas, que coñecen, que son actuais, e que desfruten da música”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here