InicioM.ambiente e PatrimonioAtopan en Ribadeo a barca máis antiga empregada na peregrinación a Santiago

Atopan en Ribadeo a barca máis antiga empregada na peregrinación a Santiago

Foi construída entre os anos 1050 e 1260 e era utilizada para cruzar a ría de Ribadeo.

Publicada o

- Advertisement -

A campaña arqueolóxica no porto de Ribadeo vén de descubrir un achado excepcional que permite por primeira vez vincular o mito xacobeo a un elemento material de transporte empregado na peregrinación a Compostela. Trátase dunha peza lonxitudinal de madeira labrada en forma de L, que estaba profundamente incrustada no sedimento e que é parte dunha barca medieval de pasaxe que tería a súa base en Ribadeo, aínda que non se descarta que pertencera á ribeira asturiana.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá os traballos arqueolóxicos e destacou que “este achado, descuberto grazas á campaña arqueolóxica que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades está a levar a cabo na ría de Ribadeo, é importantísimo xa que aporta probas do transporte usado na peregrinación a Compostela”.

Os estudos determinan que foi construída entre os anos 1050 e 1260 da nosa era. Era utilizada para cruzar a ría en lugar de facer un rodeo ata Vegadeo ante a ausencia de pontes. O porto de Ribadeo foi canle de entrada de peregrinos debido á súa vinculación a San Julián o Hospitalario e á creación dun hospital para atendelos. Na Légende de Saint Julien, escrita cara a 1260, Julián aparece como peregrino a Santiago e outros santos lugares tras escapar da súa casa en Angers. É precisamente a este momento ao que corresponde a datación obtida polos análises de carbono 14 realizados.

O atractivo das lendas no Camiño fixo aumentar a ruta de peregrinación por este punto da costa. Ademais en setembro de 1260 fíxose unha doazón para, entre outros fins, establecer un barqueiro en Ribadeo que dese paso gratuíto na ría, o que facilitaba así o barqueo neste punto.

CONCELLO DE RIBADEO

O Concello de Ribadeo, pola súa banda, asegura que seguirá a colaborar cos traballos arqueolóxicos na ría. A alcaldesa en funcións, Mónica Freire, e os concelleiros de Turismo e de Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero, asistiron tamén á presentación do último achádego localizado.

A rexedora quixo poñer en valor estes achádegos “porque ademais da súa importancia histórica e patrimonial promocionan o nome de Ribadeo”. Freire sinalou, ademais, que dende o Concello seguirán colaborando a través da axuda solicitada ao GALP. “Este proxecto, denominado Retornos do Pasado, ten o propósito de estudar os restos arqueolóxicos que se conservan no fondo do porto de Ribadeo para coñecer a nosa historia e a nosa cultura”.

Este próximo sábado, 3 de setembro, terá lugar unha nova charla e inmersións para coñecer de primeira man os tesouros agochados na ría. Para poder participar é preciso contar con título de mergullo e seguro. A xornada comezará no Club Náutico de Ribadeo a partir das 8 da mañá e “será unha oportunidade para coñecer e gozar da riqueza arqueolóxica da ría, un dos recursos máis importantes da nosa zona”, expuxo a alcaldesa.

 

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...