O Concello de Ribadeo programa cinco obras de teatro para o último trimestre do ano, que achegarán actrices e actores da talla de María Castro ou Carlos Hipólito, entre outros. Hai un abono en venda online, que suporá un aforro do 15% no prezo das entradas soltas.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou que “no Concello de Ribadeo temos preparada unha interesante programación teatral con cinco obras seleccionadas do Programa Platea do INAEM, que achegarán á nosa vila a actrices e actores da talla de María Castro, Carlos Hipólito, Pepa Rus e Sol Picó, entre outros”.
A edil ribadense subliñou que “o que imos facer para animar á xente de Ribadeo é sacar un abono que só se vai vender online na web www.gameoverproductions.es e será ata as doce da noite do vindeiro 28 de setembro. O prezo do abono será de 67 euros (ive incluído)”.
Otero Cabarcos contou que “as representacións terán lugar os días 1, 15 e 29 de outubro, 12 de novembro e 10 de decembro. Serán no auditorio municipal Hernán Naval ás oito da tarde”.