Volve a campaña da “pancha”, a moeda local de Ribadeo para dinamizar o comercio local

O concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “para as persoas que desexen mercar Panchas, o prazo de compra e disfrute da nosa moeda local irá dende o día 1 de outubro ata o 31 de decembro ou ata esgotar o crédito, se isto ocorrese antes”.

Vista de Illa Pancha, na costa ribadense. AXM

O Concello de Ribadeo organiza a cuarta edición da campaña da Pancha, a moeda local ribadense, que supón un forte investimento económico para dinamizar o sector do comercio, hostalaría e algúns servizos da vila, durante os meses de outubro, novembro e decembro. Nesta cuarta edición, ao igual que na campaña anterior, a compra e uso da moeda será totalmente dixital, a través dun moedeiro, o Panchapeto.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “o feito de poder realizar todas as operacións co teléfono móbil simplifica e mellora o uso da nosa moeda local”. Con isto preténdese que as persoas non recorran a ir á sucursal bancaria para levar a cabo ningunha xestión. O sistema de pago e cobro realizarase a través dun código QR.

Vizoso Galdo indicou que “no caso de que algunha persoa teña dúbidas ou problemas á hora de facer os trámites o Concello, a través do departamento de ADL, ponse a disposición para axudar no que precisen. Ademais nesta edición contaremos tamén coa colaboración de Acisa Ribadeo, que prestará asesoramento tanto aos establecementos participantes, sexan asociados ou non, como aos compradores”.

O edil ribadense subliñou que “se manterán as características da Pancha doutros anos, como a compra en packs de 30 euros, polo que se recibirán 40 panchas, cun valor nominal de 40 euros”.

Pablo Vizoso anunciou que “o prazo de adhesión para os establecementos estará aberto dende este xoves, 15 de setembro, ata o 27 deste mes. O proceso será a través do móbil na páxina web www.pancharibadeo.com, que estará activa dende o xoves e onde tamén se pode consultar máis información sobre os epígrafes recollidos”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “para as persoas que desexen mercar Panchas, o prazo de compra e disfrute da nosa moeda local irá dende o día 1 de outubro ata o 31 de decembro ou ata esgotar o crédito, se isto ocorrese antes”.

Vizoso Galdo anima á veciñanza a participar na cuarta edición da Pancha, a moeda local de Ribadeo: “queremos animar á poboación de Ribadeo e arredores a participar nesta iniciativa pioneira, que leva tres anos tendo moi boa acollida“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here