Axentes da Garda Civil detiveron este mércores un mozo de 18 anos de idade, veciño de Ribadeo, como presunto autor dun delito de agresión sexual cara a unha menor, nas festas patronais do municipio.
Segundo informaron fontes do Instituto Armado, os feitos ocorreron durante os festexos celebrados en Ribadeo a pasada semana. Tras a denuncia, abríronse as pescudas e púidose identificar o suposto autor da agresión. O mozo foi localizado e detido ás 10,30 horas deste mércores no municipio asturiano de Avilés, e está previsto que pase nas próximas horas a disposición dos xulgados de Mondoñedo.
Dáse a circunstancia de que o pasado luns foi detido outro home, un veciño de Burela, como presunto autor doutra agresión sexual a unha menor. Nese caso, os feitos ocorreron durante a Queimada Popular de Cervo e o xulgado de instrución 1 de Viveiro decretou o ingreso en prisión provisional do home, como suposto autor dun delito de abuso sexual con acceso carnal a menor de 16 anos.