Unha carta do alcalde de Ribadeo fai chegar a Rueda o malestar de pais e nais polo transporte escolar nas parroquias

Segundo o alcalde, Fernando Suárez Barcia, “as familias teñen un sentimento de frustración moi grande ao non teren unha explicación clara para saber a que responde esta alteración substancial nos puntos de parada do transporte escolar".

Alfonso Rueda. AXM

O alcalde, Fernando Suárez, ven de enviarlle unha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para facerlle chegar o malestar das nais e dos pais que viven nas parroquias ribadenses tras os cambios realizados nas paradas do transporte escolar. Suárez Barcia subliña que esta situación afecta a moitas familias, que se senten frustradas ao non teren explicación clara sobre esa alteración substancial do servizo.

O rexedor contou que “nestes últimos días estamos recibindo numerosas queixas de pais e nais que viven nas parroquias do noso concello porque o autobús non se detén nas paradas do transporte escolar ás que viñan tendo dereito e que estiveron usando ao longo destes anos atrás”.

Suárez Barcia dixo que “as familias teñen un sentimento de frustración moi grande ao non teren unha explicación clara para saber a que responde esta alteración substancial nos puntos de parada do transporte escolar”

Suárez Barcia considera que as alternativas que se ofrecen “son en todos os casos moito máis lesivas”, debido a que as novas ubicacións das paradas sempre se propoñen a máis distancia dos domicilios familiares, “chegando en moitos casos a plantexarse no sentido contrario á proximidade do centro educativo”.

O alcalde ribadense sinalou: “desde o Concello de Ribado colaboramos de xeito importante ao mantemento e conservación do CEIP Gregorio Sanz e vemos como, unha vez máis, se están a producir taras e problemas por vivir no rural”.

Na misiva, o edil ribadense sinala que durante estes últimos anos o Concello foi renovando as marquesiñas nas paradas do transporte escolar, nalgúns casos coa axuda tamén da Deputación de Lugo. “E agora vemos que algunhas delas van quedar inservibles ao propósito escolar para o que foron instaladas”.

Fernando Suárez manifestou tamén que “nos sorprende porque a poboación das parroquias non tivo movementos residenciais significativos nestes últimos anos”. O rexedor engadiu que “por todo iso nos diriximos ao presidente da Xunta de Galicia, porque é responsable da competencia de Transportes e Mobilidade, para que paralice este despropósito”.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here