Pablo Vizoso: “As expectativas para a Campaña das Panchas deste ano son moi altas”


-Cales son as orixes e motivacións detrás da Campaña das Panchas?

A idea naceu no último tramo da anterior lexislatura. Era unha idea novedosa mais pasado o tempo fomos desenvolvéndoa cos máximos recursos dispoñibles por parte do Concello. Aínda así, a idea segue sendo a mesma, fomentar o comercio minorista e a hostalaría, sectores cunha importante presenza en Ribadeo. Buscabamos dinamizar uns sectores que chegada unha determinada época do ano que reflectía menores ingresos que noutras. Con esas bases chegamos até o día de hoxe coas reformas e modificacións necesarias até termos a actual Campaña das Panchas.

-A Illa Pancha foi a que inspirou a campaña, pódese dicir.

Si, digamos que é un topónimo moi recorrido e moi coñecido de Ribadeo.

-Foi difícil convencer ao comercio e á hostalaría de Ribadeo para participar desta iniciativa?

Non foi nada difícil. Desde o Concello seguimos unha estratexia de información durante todo o ano. Esa estratexia é moi próxima e moi directa aos comerciantes e tamén moi explicativa. Todo isto fíxose atendendo a grande parte das demandas e peticións que o comercio nos trasladaba. Por tanto non foi complicado achegarnos ao comercio, iso si, hai sectores que se adaptan mellor e outros non tan ben, mais é unha campaña moi ben recibida por comerciantes e cidadanía.

Buscabamos dinamizar uns sectores que chegada unha determinada época do ano que reflectía menores ingresos que noutra

-Cal é o funcionamento da campaña, como se pode cambiar euros por panchas e que se pode mercar con elas?

O ano pasado e este o funcionamento é completamente dixital mediante unha “app”. Unha persoa cun teléfono móbil actual pode xestionar o uso das panchas, o mesmo pode facer un ou unha empresaria ou xestora dun negocio. Cada persoa decide cantas panchas quere mercar ou trocar e para iso ten que ir á web onde está toda esta operativa, aí faise a compra en euros e logo realizase o troco en panchas que ao mesmo tempo, teñen o seu contravalor en euros. Son packs de 30 euros cun máximo de 400 panchas que pode mercar cada persoa usuaria. Por cada 30 euros unha persoa merca 40 panchas que equivalen a 40 euros. Con cada 30 euros gaña 10 euros, por tanto pode mercar nos establecementos incluídos na campaña cun valor engadido do 25%.

-É dicir, dixitalizaron por completo a campaña.

Si, e aínda que é enteiramente dixital, tanto desde o Concello como dos Servizos de Desenvolvemento Local, no andar superior, como nas oficinas de ACISA Ribadeo, estamos ao dispor da clientela, dos comerciantes para resolver calquera dúbida que se lles presente durante a campaña ou cando queira baixar a aplicación e empregala, que non dubide en chamar ao Concello ou ACISA.

Por cada 30 euros unha persoa merca 40 panchas que equivalen a 40 euros

-Como se pode saber que a persoa dispón dun determinado número de panchas, como xustifica o ou a cliente ter un determinado número de panchas?

Coa app a persoa rexístrase na web que xestiona as panchas, identifícase e aí pode ir mercando os packs que desexe até un máximo. Cando chegue a un local comercial ou de hostalaría decide a operación que quere realizar, achega o código QR que previamente baixou coa compra das panchas que logo se almacenan no moedeiro ou aplicación baixada previamente. Logo o comerciante realiza o resto da operación.

-Cales son os sectores máis dinamizados grazas a esta iniciativa?

É moi variable. O que busca cada ano esta campaña é diversificar o máximo posible. Tamén é certo que pode haber sectores máis beneficiados como é o sector de calzados, confección e papelería, sobre todo durante a época de volta á escola que supón un gasto considerable para as familias. A pancha aprovéitase neste tipo de sectores durante esta época do ano.

-Houbo algún sector comercial concreto que se revitalizara con este sistema?

Non sabería dicir agora mesmo. Si sei que afectou de maneira positiva a todos os sectores, está moi repartido. Tamén é certo que funciona segundo as épocas do ano debido a ser unha campaña prolongada no tempo, neste caso un trimestre enteiro. Podemos dicir que durante a primeira semana de campaña sobe o índice de compras en papelería e calzado.

O que busca cada ano esta campaña é diversificar o máximo posible

-Poden participar persoas de fóra de Ribadeo?

Si, sempre existiu esa posibilidade, á parte que desde o ano pasado é máis fácil grazas á dixitalización do proceso. Así, cada persoa que chega a Ribadeo poida realizar o troco de panchas de maneira online e pode vir a Ribadeo para usalas. Non ten que esperar diante da oficina bancaria nin diante do Concello para facer realizar os trámites senón que desde a súa casa pode realizar as operacións e logo achegarse a Ribadeo para facer as compras.

-Aumentaron entón as visitas ou compras por parte de persoas de fóra de Ribadeo?

Nestes momentos non podemos avanzar datos sobre a participación foránea pois non comezamos coa campaña. Si podo dicir que ese comentario foinos remitido polos comerciantes durante o ano pasado. Conseguíuse que fose máis interesante e máis atractivo para a xente do concello como de fóra.

Debemos ter en conta que detrás da pancha hai unha estratexia de promoción para poñer Ribadeo como referente do comercio tradicional

-Analizaron cal foi o aporte desta iniciativa ao total dos ingresos municipais?

É complicado dicir cal é o volume de negocio pois non se contabiliza porque hai outras operacións que non se fan exclusivamente con panchas. Tamén está o efecto repetitivo, “hoxe podo comprar e logo volver dentro de quince días porque me gustou certo lugar ou certo produto e comprar aínda tendo as panchas esgotadas”.

-A campaña pode animar a persoas con ideas de negocio a instalarse en Ribadeo, tanto na vila como na área rural?

Desde logo debemos contar coa área rural, aínda que o comercio tradicional está máis centrado na vila. Estou certo que por efecto exclusivo da pancha ninguén ten intención de instalarse en Ribadeo mais polo efecto adicional da campaña, si é posible. Debemos ter en conta que detrás da pancha hai unha estratexia de promoción para poñer Ribadeo como referente do comercio tradicional. Isto si pode influír positivamente en decisións que poidan tomar emprendedores e autónomos e aquelas persoas con ideas para botar a andar.

-Esta iniciativa tivo algunha réplica por parte doutros lugares ou doutras administracións de cara a fomentar o comercio local?

Durante os dous últimos anos recibimos chamadas doutros concellos de dentro e fóra de Galicia. Solicitaron información para materializar un sistema parecido ao que temos en Ribadeo. Estamos orgullosos de poder servir coa nosa experiencia a outras entidades.

-Para este ano cales son as expectativas desexadas?

As expectativas son altas, temos moito ánimo e ilusión para que todo saia ben. A iniciativa das panchas nace como unha iniciativa de axuda para o comercio pois para as familias o prezo da vinda tense incrementado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here