Carmen Cruzado, presidenta de ACISA Ribadeo: ” Buscamos desestacionalizar o turismo para que a xente poida vir máis alá da tempada alta “

Carmen Cruzado é a nova presidenta de Acisa Ribadeo, unha asociación que xa ten 33 anos. Esta é a primeira vez que a asociación está presidida por unha muller e que conta con outra muller na vicepresidencia. Acisa nútrese das cotas mensuais dos seus asociados;,recibe subvención anual da Dirección Xeral de Comercio, ten convenios anuais co Concello de Ribadeo, conta coa colaboración da Deputación de Lugo e recibe outras axudas excepcionais das diferentes administracións. Todo isto demostra o dinamismo nesta parte da Mariña Oriental.


-Como comezou a túa relación con ACISA?

Comecei a traballar con ACISA Ribadeo entre finais de 2008 e comezo de 2009 levando a parte de comunicación. Desde ese momento até hai pouco estiven levando a parte de comunicación e durante as dúas últimas directivas fun vogal a maiores de levar comunicación. Para formar parte de ACISA tes que ser empresario vinculados a negocios de hostalaría, comercio e servizos. Eu estaba en servizos e nas directivas as tres áreas de negocio deben estar representadas.

-Cales foron os motivos detrás de candidatarte á presidencia da asociación?

As eleccións convocáronse antes do mes de maio deste ano 2022, durante unha asemblea e quedouse en celebralas durante o verán. Vendo que pasaba o tempo e non había ninguén disposto a dar o paso foi cando decidín presentarme. Isto porque non se pode estar durante meses en funcións, porque cando sucede iso, a directiva non pode tomar unha serie de decisións. Realmente foi iso, que pasaba o tempo e ninguén se presentaba e xunto con compañeiros e compañeiras da directiva decidimos presentar a candidatura.

-Cales son os obxectivos que marcastes o novo equipo directivo?

O máis importante é a captación de socios. Agora mesmo somos 150, con todo, cantos máis sexamos, máis forza para conseguir cousas. Basicamente buscamos que a xente se una a ACISA porque dá asesoramento, organiza actividades para o comercio, a hostalaría e en definitiva, actividades que por si mesmas movan Ribadeo e iso deberá ter repercusión en todos os socios de ACISA en menor ou maior medida. Retomaremos campañas que foron exitosas no seu día e que foron apartadas pola pandemia como foron as Xornadas Gastronómicas de Asturias en Ribadeo, imos facer este Nadal a Festa do Comercio de maneira presencial, como era en 2019, antes da pandemia. Dentro desa festa haberá premios importantes mais aínda non está programada de todo. Por tanto, mover o comercio local e ter incidencia positiva tanto en hostalaría, servizos e comercio.

As eleccións convocáronse antes do mes de maio de 2022 para celebralas  no verán. Vendo que pasaba o tempo e non había ninguén disposto a dar o paso foi cando decidín presentarme.

-Existe un gran dinamismo dentro de Ribadeo, un exemplo é a Campaña das Panchas. Hai como unha preocupación desde o Concello para fomentar o comercio e o resto de actividades terciarias.

Si que hai preocupación por parte do Concello. ACISA está este ano colaborando coa Campaña das Panchas ofrecendo asesoramento e apoio a todos os negocios, asociados ou non, tamén aos clientes porque sempre pode haber dúbidas de como baixar a aplicación, como acceder ao Pancha Peto, en definitiva, como resolver dúbidas e prestar ese tipo de atención. Por tanto, ACISA colaborará co Concello que desde a súa Oficina de Desenvolvemento Local estará realizando o mesmo labor. Por tanto, o Concello si organiza moitas actividades e colabora con outras que organizamos desde ACISA á parte dos convenios que asinamos entre os dous e polos que recibimos unha subvención coa que creamos as nosas propias actividades ou ofrecemos material aos nosos asociados.

-Falabas de captar socios. Hai quen non ve necesario ou útil unirse a ACISA?

Para gustos pintan cores. Non observamos reticencias, mais si é necesario crear unha campaña para que quen non nos coñeza. Ribadeo xa digo que é moi dinámico, noutros lugares ves que pecha un negocio e ese local bota meses pechado até que o colle alguén. En Ribadeo non pasa iso, pecha un negocio e despois de tres días xa está outro abrindo outro. Entón teremos que facerlle chegar a información, as vantaxes que terá para el, as tarefas de asesoramento que se farán, entrega de material para comercio, hostalaría e servizos. Isto pode ser algo que descoñeza quen se estableza en Ribadeo e nós queremos facerllo saber. Tamén sucede que hai empresarios que se achegan a ACISA para informarse e ao mellor lles pode interesar ou non.

-Que potencialidades vos gustaría promocionar máis desde a asociación?

As potencialidades están sobre todo no sector turístico. Ben é certo que desde o Concello están a facer un gran traballo e tamén por parte de ACISA, como potenciar as visitas durante a Semana Santa, potenciar as visitas en fin de semana, o “Domingueo en Ribadeo”. Buscamos desestacionalizar o turismo para que a xente poida vir máis alá da tempada alta que cada ano rexistra cifras máis altas, e por iso buscamos que o verán se poda estender até mediados de outubro mediante a desestacionalización. Hai que tirar do turismo e das rutas que se poñen en marcha e tamén das actividades organizadas desde ACISA ou o Concello.

o Concello si organiza moitas actividades e colabora con outras que organizamos desde ACISA á parte dos convenios que asinamos entre os dous

-Existen sectores que aínda non se teñan instalado en Ribadeo?

Temos un amplo abano de empresas, posibilidades e emprendedores arredor da horta e comercio relacionado co turismo. Nese sentido, Ribadeo é un referente, e levamos moito tempo traballando para selo, en varios sectores. Eu persoalmente non boto de menos ningún sector, aquí podes encontrar de todo. Que estaría ben máis presenza empresarial en Ribadeo e no conxunto da Mariña? Igual si, mais creo que o abano de ofertas está cuberto.

-Recibides contactos de dentro e fóra de Galicia para saber como funciona ACISA Ribadeo?

Hai xuntanzas a nivel comarca a través da Federación de Comercio A Mariña, onde facemos intercambio de impresións e tratamos os problemas puntuais que poidan preocupar tanto ás asociacións e aos empresarios. ACISA tamén forma parte da Confederación Española de Cascos Históricos, que nos deron un accésit o ano pasado.

Estamos convidados a unha reunión deste organismo en Compostela ao que asistirá o noso xerente Jesús Pérez e que participará nunha mesa redonda.

-Cantas persoas formades parte do que é a dirección de ACISA?

Seis vogais máis o xerente. Presidenta, vicepresidenta, secretario e vogais. O posto da presidencia é electivo para cada dous anos.

-En dous anos poderanse materializar todas as ideas e proxectos que tes para a asociación?

Algúns si e outros ao mellor non. Ao mellor solicitas a axuda dunha institución provincial ou autonómica para levar adiante unha idea e iso ao mellor non é para o momento, pode prolongarse. Mais eu creo que se poderán levar adiante a maior parte dos proxectos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here