O equipo de goberno quere facer do vello Hospital Asilo unha nova residencia confortable, de calidade, preferentemente para a xente de Ribadeo e a prezos asumibles para as rendas medidas desta zona. O alcalde, Fernando Suárez, reclama unha vez máis axuda da Xunta de Galicia para poder acometer a reforma do Hospital Asilo porque súas son as competencias nesta materia, porque debe indicar a onde serán trasladados os residentes mentres se acometan as obras e porque a administración galega “ten unha débeda histórica deshonrosa con Ribadeo” xa que non puxo un peso na residencia nova.
O rexedor dixo que “foi moi intenso e moi importante este pleno ordinario de onte. Moitos puntos importantes e todos aprobados por unanimidade. Debemos destacar a toma de posesión do novo concelleiro David Rivas Peña en substitución de María Luz Álvarez Lastra. A partir de hoxe, David levará as Delegacións de Mocidade e de Novas Tecnoloxías. Tamén reestruturamos o resto de Áreas asignando a partir de agora a Pilar Otero, que levaba Cultura e Consumo, a Área de Educación, e á concelleira Mónica Freire a de Igualdade, que se suma ás que xa levaba de Servizos Sociais e Obras”.
Suárez Barcia seguiu a relatar que “varios dos puntos foron acordos e convenios de colaboración entre os Concellos lindantes ou achegados a Ribadeo en materia de augas, de loita contra as adiccións, etc… o que nos enche de orgullo poder colaborar estreitamente con estes Concellos para a mellora das condicións de vida de todos os nosos veciños e veciñas”.
O alcalde de Ribadeo explicou que “tamén demos conta amplamente da situación presente e futura do Hospital Asilo, este edificio de titularidade municipal e que leva xestionado desde hai mais de cen anos por congregacións relixiosas. Como todo o mundo sabe, necesita moitas melloras para adaptarse ás normativas vixentes que ordena a Xunta. Temos a sorte de ter unha pequena fortuna doada por unha persoa xenerosa, pero que o seu montante, uns 730.000€ (a falta dunha confirmación dun preito que temos contra o Banco de Santander) non chega nin á metade do que o edificio require: un millón seiscentos corenta mil euros de obra, sen ter aínda en conta o mobiliario. Para iso pedimos axuda ao goberno do Estado a través dunha convocatoria de fondos Next-Generation do que aínda non sabemos nada”.
Fernando Suárez lembrou que “tamén levamos dous anos pedindo formalmente á Xunta axuda. Axuda porque as competencias en residencias non son municipais senón autonómicas, axuda porque a Xunta debe indicar a onde se van trasladar os residentes durante a reforma, e axuda porque a Xunta ten unha débeda histórica deshonrosa con Ribadeo porque non puxo un peso na residencia nova”.
O rexedor subliñou que “agora, queremos, e imos facer deste vello Hospital Asilo unha nova residencia confortable, porque queremos que Ribadeo siga tendo dúas que veñan sumando unhas 90 prazas públicas, de calidade, preferentemente para a xente de Ribadeo e a prezos asumibles para as rendas medias de aquí. Por iso, todos e cada un dos membros do goberno, conxurámonos para sacar isto adiante, e se fomos quen se sacar a outra nova contra vento e marea, tamén habemos sacar esta outra. E vaia se o habemos facer”.