O BNG de Ribadeo esixe nun comunicado que a Consellaría de Sanidade e por extensión ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que os maiores poidan vacinarse da gripe e da Covid nos seus respectivos centros de saúde. “Deste xeito poderían aforrar un gran número de molestias tanto elas como as persoas que os teñen que acompañar”.
Ademais, engaden que esta “actitude neglixente da Xunta de Galicia vai supoñer un alto custo tanto para a tranquilidade das persoas maiores, como para a nosa economía“. Boten conta das horas de traballo que van ter que solicitar quen as acompañen a Burela para vacinarse tanto da Covid como da gripe.
O BNG de Ribadeo acusa de desexo “desmesurado por centralizalo todo e ir baleirando de contido os centros de saúde, o goberno da Xunta, co apoio incondicional dos deputados e deputadas do PP que o sustentan”. Con isto ven que o Partido Popular de novo vai cometer unha nova manobra contra o sistema sanitario público galego, “no canto de optar por unha campaña de vacinación achegada aos diferentes centros de saúde que facilite a mesma, prefiren desprazar a xente de xeito masivo cara ao Hospital Comarcal de Burela”.
Ademais disto, o BNG ribadense engade que “é tal a carraxe que teñen das imaxes do colapso dos centros de saúde, que eles mesmos (Xunta) provocaron, que agora fan as cousas do revés, polo seu propio interese, con tal de dar a sensación de que hai total normalidade neles”.