A premiada bailarina, coreógrafa e actriz Sol Picó presenta o seu espectáculo Malditas Plumas en Ribadeo este sábado, 29 de outubro, ás 20:00 horas no auditorio municipal Hernán Naval. Será o estreo en Galicia dentro da xira por España que está facendo con esta montaxe, na que combina teatro e danza. Estreouse en Castellón en outubro de 2020 e por ela Sol Picó recibiu un premio da Crítica de las Artes Escénicas neste ano 2022.
As entradas xa están á venda na web de Game Over Productions (www.gameoverpro.es) e tamén poderán comprarse na taquilla do auditorio municipal ribadense desde unha hora antes da función. O prezo é de 17 euros (IVE incluído).
Sol Picó Monllor naceu en Alcoi en 1967. Estudou danza española, clásica e contemporánea e nas súas producións combina diferentes técnicas e linguaxes. En 1993 creou a Compañía Sol Picó, coa que se converteu nunha das coreógrafas e bailarinas máis heterodoxas da escena contemporánea española. Durante a súa extensa traxectoria foi galardoada con numerosos recoñecementos, entre eles 10 premios Max, o premio de Danza de Cataluña, o premio Ciudad de Barcelona de Danza e o Premio Nacional de Danza.
As súas xiras tamén saíron fóra de España en varias ocasións, o que a levou a actuar en países como Taiwan, Suecia, China, Irlanda, Bélxica, Filipinas, Reino Unido, Grecia, Ecuador, USA, Corea, Chile, Arxentina, Francia, Italia, Alemaña, México, Canadá, Uruguai, Holanda, Serbia, Croacia ou Portugal.