Ribadeo reparará o acceso á praia do Cargadeiro cun investimento de case 50.000 euros

O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que "nestes días recibimos a comunicación formal do Ministerio de que aproban definitivamente o proxecto e que iniciarán a licitación do mesmo”.


O proxecto de recalce e estabilización da escaleira de baixada á praia do Cargadeiro suporá un investimento de máis de 47.000 euros. O alcalde, Fernando Suárez, valora de xeito positivo o compromiso do Servizo de Costas e agarda que para a vindeira campaña estival ese areal tamén sexa unha opción posible e segura para os bañistas de Ribadeo.

Fernando Suárez lembrou que “hai máis dun ano produciuse unha arribada perigosa de pedras e terra por debaixo das escaleiras de baixada á praia, deixándoas nunha situación inestable e perigosa. Desde daquela estivemos traballando de xeito coordinado coa Dirección Xeral de Costas para tratar de solucionar esta situación”.

O alcalde explicou que “desde o Concello tivemos que redactar proxectos, estudos, xeotécnicos e foi un proceso longo e complexo, pero nestes días recibimos a comunicación formal do Ministerio de que aproban definitivamente o proxecto e que iniciarán a licitación do mesmo”.

Suárez Barcia subliñou que “as obras de recalce e estabilización da escaleira de acceso á praia supoñen un orzamento de 47.800 euros e cun prazo de execución máximo de dous meses desde a súa adxudicación á mellor oferta. Así que agardemos que na seguinte temporada estival a praia do Cargadeiro tamén sexa unha opción posible e segura para os bañistas de Ribadeo”.

O rexedor ribadense engadiu: “valoramos moitísimo o compromiso en todo este proceso dos Servizos de Costas do Ministerio. Sabemos que a xente demanda sempre solucións inmediatas aos problemas. Pero este derrube necesitou moitas horas de estudo técnico, para proxectar correctamente unha solución sólida e adaptada á legalidade”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here