InicioOrientalRibadeoRibadeo incluirá nos orzamentos para 2023 o investimento para arranxar o Hospital...

Ribadeo incluirá nos orzamentos para 2023 o investimento para arranxar o Hospital Asilo

O rexedor Fernando Suárez contou que “foi moi produtivo e moi instrutivo o pleno ordinario de onte. Case todos os puntos saíron adiante por unanimidade e algún, moi importante, só cos votos do BNG e do PSOE, coa abstención do PP".

Publicada o

- Advertisement -

No pleno ordinario celebrado onte no Concello aprobouse por unanimidade consignar no presuposto de 2023 o investimento total para proceder ao amaño do Hospital Asilo. Trátase de 1.600.000 euros, a través dun préstamo. Logo xa se verá cómo participan o resto das administracións. O equipo de goberno comprométese para que Ribadeo siga contando con dúas residencias públicas, segundo subliñou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor contou que “foi moi produtivo e moi instrutivo o pleno ordinario de onte. Case todos os puntos saíron adiante por unanimidade e algún, moi importante, só cos votos do BNG e do PSOE, coa abstención do PP. Expedientes de recuperación e deslindes de camiños públicos e suba do IPC nas taxas da auga, do saneamento e da piscina, e outros menores económicos foron aprobados por unanimidade”.

Houbo novos acordos firmes para o presente e futuro do Hospital Asilo: “o tocante ao Hospital Asilo, debemos dicir que o pleno de onte marcou xa por fin un rumbo fixo e determinado do presente, do futuro inmediato e do futuro en xeral dese centro. Tal e como propuxemos, aprobáronse tamén por unanimidade as varias propostas técnicas a ter en conta: consignar no orzamento do 2023 toda a inversión para amañalo, máis de 1.600.000 euros, a través dun préstamo, reasignar transitoriamente ao seu persoal a cometidos similares no Concello, coordinar e colaborar como sempre o facemos coa congregación relixiosa que o xestiona moi ben, e trasladarlle todo isto ás outras administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia, para a derivación dos usuarios e usuarias aos Centros de Maiores públicos e de proximidade durante o tempo das obras”.

Suárez Barcia subliñou: “polo tanto, o Concello manifesta e comprométese formalmente con toda esta tarefa titánica que ten por diante, as demais administracións verán o que fan. Nós temos o norte de que queremos que ese centro asistencial teña unha nova vida, remozado, actualizado, e que Ribadeo manteña dúas residencias públicas”.

PADROADO FUNDACIÓN ESCOLA AGRÍCOLA

O alcalde relatou que “outro dos asuntos foi unha Proposta da Alcaldía para demandarlle á Xunta de Galicia a renovación da cesión do Padroado da Fundación da Escola Agrícola Pedro Murias. De xeito moi acertado en 1991 foi asinado un convenio entre a Xunta e o Concello para a cesión á Xunta durante 25 anos das instalacións e terreos dese centro. Iso expirou no 2016 a pesar das reiteradas comunicacións formais desta alcaldía aos distintos conselleiros de Medio Rural. É unha evidencia que o que podería ser un centro referencial para o medio rural, non xa en toda a comarca, senón en todo o país, está a funcionar a mínimos, nunha situación de inacción, cando non sendo utilizado para cuchipandas varias que nada teñen que ver co Medio Rural nin co que Galicia necesita”.

Fernando Suárez dixo: “por iso queremos que se renoven estes órganos porque temos moito que propoñer e moito que aportar: Sen ir mais lonxe deberase facer unha infraestrutura colectiva de transformación que facilite as esixencias sanitarias ás persoas produtoras contando cun rexistro sanitario; ou formación continuada ao longo do ano, ou poñer en valor toda esas aulas de lácteos que están esmorecendo sen case uso. Necesitamos que a Escola Pedro Murias, responda ao que o seu fundador quixo hai máis de cen anos. Esiximos que se cumpran as normas, e ofrecemos lealdade e colaboración para facelo”.

MOCIÓNS E OUTROS ACORDOS

O rexedor sinalou que “aprobamos unha moción coa abstención do PP para pedirlle á Xunta que teña en conta as lexítimas reivindicacións do persoal que forma parte do Consorcio da Igualdade e dos Servizos Sociais en todo o país e que aquí en Ribadeo desempeña magnificamente a xestión do Centro de Día A Concordia. Tamén concretamos por unanimidade o espazo público con que se lembrará ao ribadense, bo e xeneroso, de Víctor Moro Rodríguez. Así acordamos que a parte do Peirao de Porcillán desde o baixo relevo de Calvo-Sotelo até o restaurante San Miguel, pase a chamarse Peirao de Porcillán Víctor Moro Rodríguez. E logo no apartado de Rogos e Preguntas, coma sempre foron atendidos todos os que son positivos e produtivos e foron matizados ou explicados aqueles outros que resultan moi difíciles de cumprir”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...