Acisa pide responsabilidades polo corte de luz que se produciu este mediodía en Ribadeo. A patronal ribadense agarda que Viesgo e Begasa lles expliquen aos empresarios e á veciñanza que está a pasar co subministro eléctrico neste concello.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou que “non ten explicación que se produza un corte de luz de tres minutos, ás 13:37 horas deste mediodía, hora punta para a hostalería, que está co seu servizo de comidas. Se ese corte estivese previsto estaría moi ben que a empresa responsable avisase á veciñanza e ao empresariado ribadense para estar previdos. Iso sería o normal. Calquera outra cousa non a entendemos”.
O xerente, Jesús Pérez, sinalou que “non se pode permitir o que está a pasar en Ribadeo coa luz. De cando en vez temos que sufrir estas incidencias no subministro eléctrico, que ocasionan moitas veces danos importantes en cociñas, frigoríficos, ordenadores, rexistradoras, etc… hoxe non nos valen as disculpas de temporais, chuvias, tormentas, vento… porque disto hoxe, en concreto, nada de nada”.
Cruzado Iglesias dixo que “o único que conseguimos con todo isto é ofrecer unha mala imaxe de Ribadeo. En nome de Acisa e dos máis de 160 negocios asociados esiximos a Viesgo e a Begasa unha explicación e que se fagan cargo dos danos causados con estes cortes de luz, que estamos a sufrir unha vez máis en Ribadeo”.
Pérez Prada engadiu que “canto máis se encarece o recibo, peor subministro recibimos. E iso non pode ser. En Acisa non estamos dispostos a calar. E cada vez que se produza un corte no subministro eléctrico denunciarémolo publicamente e faremos chegar as nosas queixas ás empresas responsables”.