InicioOrientalRibadeoRibadeo terá mais de dez millóns de euros para o orzamento de...

Ribadeo terá mais de dez millóns de euros para o orzamento de 2023, un 8% máis que no exercicio anterior

O Pablo Vizoso explicou que estes orzamentos caracterízanse por “contemplar o incremento salarial do 3,5% establecido polo Estado para o persoal público ademais do 1,5% xa acumulado ao longo do 2022"

Publicada o

- Advertisement -

O orzamento do Concello ribadense para 2023 ascende a máis de 10.650.000 euros, un 8% máis que no exercicio anterior, segundo deu a coñecer o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso. O orzamento recolle un investimento inicial de 1.120.000 euros de fondos propios municipais para atender actuacións como a reforma integral do Hospital Asilo ou a adquisición de terreos para o centro de saúde.

O edil nacionalista contou que “onte celebramos no Concello unha comisión informativa cos representantes de todos os grupos municipais para informar dos orzamentos para o ano 2023 e que imos levar ao próximo pleno para a súa aprobación. Trátase duns orzamentos equilibrados que ascenden a 10.650.543,31 euros, é dicir aumentan case un 8% con respecto ao exercicio anterior e sen que se incrementen os impostos nin as taxas que son competencia do Concello, agás a do servizo de subministro de auga que, ao tratarse dunha concesión debe actualizarse co ipc interanual segundo figura estipulado no contrato”.

Pablo Vizoso explicou que estes orzamentos caracterízanse por “contemplar o incremento salarial do 3,5% establecido polo Estado para o persoal público ademais do 1,5% xa acumulado ao longo do 2022. Garanten o elevado nivel de actuacións e servizos en todas as áreas do Concello de Ribadeo prevendo xa o incremento de custes que se ven experimentando dende hai meses. Increméntase o capítulo de servizos e de financiamento de actividades nas áreas sociais, culturais ou deportivas para manter a actividade habitual por parte do Concello.E tamén se incrementan as axudas para o tecido asociativo, coma nos exercicios anteriores, que se destinan a asociacións deportivas, culturais ou asistenciais, tendo en conta a existencia de novas agrupacións asociativas”.

O concelleiro de Economía subliñou que “os orzamentos de 2023 recollen unha inversión inicial de máis de 1.120.000 euros financiada con fondos propios municipais para atender actuacións de gran importancia para Ribadeo como son a reforma integral do Hospital Asilo ou a adquisición dos terreos para o centro de saúde, aínda que se trate de competencias da Xunta e non do Concello. Consígnanse partidas para acompañar os proxectos que deben ser financiados coa achega doutras administracións. A todas estas inversións hai que sumar as que recentemente foron licitadas ou que están a piques de licitarse e que serán executadas ou iniciadas nos primeiros meses do 2023”.

Vizoso Galdo dixo que “esta aposta pola inversión e tamén a previsión de ingresos a consecuencia da instalación e implantación de actividades novas é unha boa proba da evolución favorable da actividade económica e comercial no noso concello sen perder de vista o contexto de dificultades que se experimentan actualmente. No ámbito social mantéñense os fondos para familias con necesidades, para atender o servizo de axuda no fogar, e intégrase na estrutura do Concello a xestión e o persoal do Hospital Asilo para garantir o mellor funcionamento nesta fase antes de acometer as obras de reforma. Somos conscientes de que se trata dun proxecto que consume moitos recursos públicos, pero tamén de que é un servizo que as veciñas e veciños de Ribadeo nos merecemos e como xa manifestamos anteriormente estamos dispostos a facelo aínda que non se conte coa resposta favorable da Xunta de Galicia, que é quen ten a competencia nesta materia”.

O edil ribadense comentou que “se conseguen financiar todas estas partidas, actividades, servizos e inversión mantendo a débeda do concello nun niveis moi baixos, reflexo da xestión eficiente e do equilibrio orzamentario. Como proba sirva este dato: ao remate do exercicio actual a débeda do Concello situarase no 9,85 % sobre os dereitos de operacións correntes, incluso máis baixa que o ano anterior; unha porcentaxe ou unha ratio que nada ten que ver coa débeda que se viña arrastrando noutras etapas”.

Pablo Vizoso engadiu que “por suposto, todas estas partidas veranse incrementadas ao longo do vindeiro exercicio coas achegas do Plan Único da Deputación de Lugo e coas que poidan prever tanto a Xunta como o Goberno do Estado, cando sexan firmes e confirmadas, asinando os convenios ou acordos que procedan co Concello de Ribadeo”. O orzamento de 2023 debaterase na sesión plenaria extraordinaria, que terá lugar o vindeiro luns, 28 de novembro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...