O Partido Popular de Ribadeo rexistrou no Concello unha proposta na que se reclama ao goberno do BNG a homenaxe para Luz Pozo Garza con motivo do seu centenario e para reivindicar a súa figura como filla predilecta da vila. “Hoxe cumpriría 100 anos luz, como diría ela”, explica a concelleira Begoña Sanjurjo.
Sanjurjo explica, “un día como onte, 29 de novembro, Luz Pozo Garza ingresaba como numeraria na Real Academia Galega data en que deu lectura ao discurso de ingreso titulado “Diálogos con Rosalía”.
Os populares esperan que as agrupacións locais que forman parte do Concello se sensibilicen e poñan da súa parte para facer un acto conxunto que reivindique a figura de Luz Pozo Garza como máxima representante da literatura ribadense. Ademais, o grupo popular demanda unha ofrenda floral aos pés do monolito que a lembra e un recital poético coa participación dos centros educativos de Ribadeo.