O proxecto Life Fluvial para eliminar especies invasoras na ría de Ribadeo será avaliado por alcaldes de concellos da ribeira

O alcalde, Fernando Suárez,subliñou que “agora estamos con outras actuacións de mantemento, coas que proseguimos, e á espera de máis: continuar co resto de ribeira da Ría de Ribadeo, que lle queda ao noso concello por facer"


O alcalde, Fernando Suárez, asiste en Mieres ao punto final do proxecto Life Fluvial, grazas ao que o Concello procedeu a eliminar da ribeira da ría de Ribadeo as especies invasoras e exóticas substituíndoas por outras autóctonas. O rexedor espera seguir nesta liña en Ribadeo e que Castropol e Vegadeo tamén se sumen e aposten pola recuperación da outra marxe. 

Suárez Barcia contou que “estou asistindo en Mieres a este punto final do programa Life Fluvial, que nos deu a oportunidade de seguir traballando para mellorar esta ribeira da Ría de Ribadeo na parroquia de Ove, onde fomos paseniñamente facendo actuacións de eliminación de plantas invasoras e de especies exóticas e de substitución por outras autóctonas. Os resultados están aí e calquera que vaia circulando pola estrada da Veiga a Ribadeo poderá comprobar o cambio que foi supoñendo nestes anos aplicar todas as accións de Costas, coa construción do sendeiro ata o muíño de mareas das Aceas, con estas actuacións deste programa Life, que foi coordinado polas universidades de Santiago e de Oviedo e tamén directamente polo Concello de Ribadeo, xestionando fondos europeos”.

O alcalde subliñou que “agora estamos con outras actuacións de mantemento, coas que proseguimos, e á espera de máis: continuar co resto de ribeira da Ría de Ribadeo, que lle queda ao noso concello por facer. E que non se quede só aí senón que abranga tamén as beiras de Castropol e da Veiga para que ao cabo de pouco tempo poidamos ver estes espazos de ribeira da ría como unha marabilla natural viva, con vexetación autóctona e que luza con todo o seu esplendor”.

Fernando Suárez lembrou que “este foi un tema do que falamos expresamente o outro día cos presidentes de Galicia e de Asturias no encontro que tiveron en Ribadeo e trátase de seguir traballando, sumando e aproveitando todas as posibilidades para que os nosos paisanos e paisanas se sintan orgullosos do lugar onde viven”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here