En Ribadeo abriu as súas portas esta tarde o XIX Mercado do Nadal e foi inaugurado o alumeado ornamental destas festas, composto por máis de 850.000 luces led.
O Mercado do Nadal, que organiza o Concello, poderase visitar ata o 11 de decembro no parque de San Francisco. Son 25 postos de artesanía, deseño e gastronomía os que poderán atopar aquelas persoas que se acheguen a Ribadeo estes días.
Ademais haberá actuacións musicais e actividades para as mais pequenas e os mais pequenos da casa. Ata o Mercado do Nadal se achegaron esta tarde o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Desenvolvemento Local, Medio Ambiente, Cultura e Igualdade, Pablo Vizoso, Jorge Díaz, Pilar Otero e Mónica Freire.
E coincidindo coa apertura do XIX Mercado do Nadal o Concello procedeu a inaugurar o alumeado de Nadal, que inclúe unha grande árbore no parque de San Francisco. Son en total máis de 850.000 luces led as que enchen de cor as rúas de Ribadeo. Segundo explicou o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, “estarán acesas desde as seis da tarde ata a unha madrugada a diario, agás os días principais destas festas nas que ampliaremos un pouco máis este horario”.
Vizoso Galdo lembrou que “como ven sendo habitual nos últimos anos no Concello de Ribadeo facemos coincidir a apertura do Mercado, que organizamos nesta ponte festiva, coa inauguración do alumeado de Nadal”.
O edil ribadense tamén subliñou que “de novo este ano as rúas de Ribadeo contarán con animación musical, a través das panxoliñas que soarán tanto pola mañá como pola tarde e ata as dez da noite. Acisa e o Concello quixemos contribuír deste xeito a crear o mellor ambiente de Nadal posible e animar así a visitar Ribadeo, a mercar no comercio local e a gozar da hostalería da nosa vila”.
Ao acendido da iluminación de Nadal asistiron representantes de Acisa, ademais do alcalde e os concelleiros de Cultura, Igualdade, Medio Ambiente e Desenvolvemento Local, aos que se uniron usuarios e usuarias do Centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo, que estaban visitando o Mercado do Nadal.