. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo convoca a súa asemblea xeral ordinaria para o 29 de marzo no Teatro. Os asuntos que se abordarán son a lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea xeral ordinaria celebrada o 24 de marzo de 2022; lectura e aprobación, se procede, da conta xeral de ingresos e gastos do exercicio pasado, o de 2022; estado da asociación, análise e valoración das actividades realizadas no pasado exercicio; informe e aprobación, si procede, do orzamento ordinario para 2023; informe da programación de actividades previstas para este ano; informe dos festivos e domingos de apertura en 2023 e ampliacións horarias; rogos e preguntas. A asemblea dará comezo en primeira convocatoria ás 20:20 horas e en segunda ás 20:30 horas.
Día do pai
Ata o vindeiro 19 de marzo segue en marcha a campaña do día do pai Merécelo papá, que contempla o sorteo de oito agasallos entre as persoas que fagan as súas compras ata ese día nos locais asociados. Trátase de 2 experiencias de desconexión para dúas persoas, doadas por Viaxes Eroski, de 1 Bono de 6 meses para BeOne Ribadeo e 5 ceas para dúas persoas xentileza de A Horta de San Roque, La Quinta, Javier Montero, El Rincón del Gordo e O Lar de Manolo.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, lembra que “aquelas persoas que realicen as súas compras nos establecementos asociados a Acisa Ribadeo estes días poderán cubrir algunha das 10.000 rifas editadas e repartidas para esta ocasión e así entrarán no sorteo destes 8 agasallos”.
O xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, aproveita para insistir “na necesidade de seguir apostando polo comercio local para facer as compras destas datas e pola hostalería local para as celebracións familiares”.
Descontos no combustible
Desde a directiva de Acisa lembran que “ata o 31 de marzo segue a campaña que puxemos en marcha a finais de xaneiro con Gasóleos Abelleira, que supón un desconto de 0,10 euros/litro de combustible. Distribuíronse 50.000 tarxetas entre os negocios asociados a Acisa para que estes as repartan entre a súa clientela por gastos ou consumicións superiores aos 5 euros. Esta campaña será de aplicación unicamente na estación de servizo que se atopa situada no polígono industrial. Este desconto non é compatible con outras promocións de Gasóleos Abelleira”.