A Xunta de Galicia aprobou este luns inicialmente o Plan Básico Municipal (PBM) de Riotorto, que se converte así no oitavo concello galego que supera este trámite e segue avanzando cara ao obxectivo de dotarse canto antes dun instrumento propio de ordenación, o primeiro no seu caso.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, visitou esta mañá o municipio lucense para notificarlle ao alcalde, Clemente Iglesias, a firma da orde de aprobación inicial do PBM, unha ferramenta pensada para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen plan -37 en toda Galicia- poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.
Desde a aprobación inicial fai seis meses do primeiro PBM correspondente ao concello do Páramo, Riotorto convértese no cuarto municipio en superar este trámite na provincia de Lugo e no oitavo que o fai en toda Galicia, dando así un paso decisivo de face a dotarse dun marco propio en materia urbanística.
O obxectivo da Xunta, indicou a conselleira, é que os nove municipios que foron pioneiros á hora de empezar a traballar na súa PBM poidan telos aprobados definitivamente a finais de ano. O plan aprobado inicialmente este luns clasifica no Concello de Riotorto un único ámbito de chan urbano, sumando todos os terreos que integran a malla urbana existente e de maneira que o sete antigos asentamentos rurais quedan a partir de agora unidos ao lugar das Rodrigas.
Así mesmo, o PBM delimita un total de 67 núcleos rurais: 60 deles de tipo tradicional, seis que combinan partes tradicionais e comúns e un común. En canto aos elementos significativos do patrimonio cultural e natural de Riotorto merecedores dunha protección especial, o documento identifica e cataloga un total de 118 dos cales son de tipo arqueolóxico, 44 arquitectónicos e 68 etnográficos.