A Xunta aproba de forma definitiva o Plan básico municipal (PBM) do Concello de Riotorto, que se converte así no segundo municipio galego —despois de Trabada— en dotarse deste instrumento de ordenación pensado para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento poidan desenvolver certa actividade urbanística sen establecer criterios de crecemento urbano.
Acompañada do alcalde, Clemente Iglesias, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou este martes en Riotorto a orde de aprobación definitiva do PBM. A conselleira incidiu en que unha das vantaxes deste instrumento é que a súa tramitación é “moito máis áxil” que a dun planeamento xeral, que normalmente precisa ata tres veces máis de tempo para acadar a aprobación definitiva.
Neste sentido, felicitou ao alcalde e ao resto do Goberno local por ser un dos primeiros en apostar por esta figura, creada ao abeiro da Lei do solo e concibida para avanzar no obxectivo da Xunta de que non haxa ningún concello sen PXOM.
En concreto, o plan clasifica un único ámbito de solo urbano consolidado no concello de Riotorto, sumando todos os terreos que integran a malla urbana existente e de xeito que os sete antigos asentamentos rurais quedan a partir de agora unidos ao lugar das Rodrigas. Así mesmo, o PBM delimita un total de 67 núcleos rurais: 58 deles de tipo tradicional, 8 que combinan partes tradicionais e comúns e 1 común.
En canto aos elementos máis significativos do patrimonio cultural e natural de Riotorto merecedores dunha protección especial, o documento identifica e cataloga un total de 121 dos cales 10 son de tipo arqueolóxico, 44 arquitectónicos e 67 etnográficos.
Tras a aprobación este verán dos dous primeiros plans básicos municipais de Galicia, Vázquez indicou que se segue avanzando na tramitación do resto para que sexan unha realidade o antes posible, ao tempo que se traballa para impulsar a elaboración doutros novos.