InicioOrientalTrabadaA alcaldesa de Trabada lamenta que o PP local faga política cos...

A alcaldesa de Trabada lamenta que o PP local faga política cos incendios

Mayra García Bermúdez, considera “unha magoa que a súa boa vontade, que traslada nun papel, nada teña que ver cos feitos acontecidos nin coas declaracións que fixo o luns 23 de outubro, acusando á alcaldesa de incumprimentos e de non contar con brigadas municipais”.

Publicada o

- Advertisement -

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, lamenta que o portavoz do PP no concello, José María Fernández, “só intentou facer política en vez de axudar aos veciños e veciñas afectados polos incendios”.


Nunha carta en resposta a outra do portavoz do PP recibida pola alcaldesa esta mesma semana, García Bermúdez trasládalle “o agradecemento polo seu interese sobre un asunto tan dramático coma o que vivimos, aínda que tiveran que pasar trece días en que así o fixera, cadrando xustamente co día no que conselleiro de Medio Rural nos citara aos alcaldes de Ribadeo, Foz e a min mesma”.


“Por outra banda, trasladarlle tamén a miña desconfianza sobre a súa boa disposición, pois durante este tempo os seus feitos demostran o contrario”, engade a alcaldesa, que lembra que “a mesma noite do 12 de outubro vostede desapareceu ao pouco tempo de extinguirse o incendio preto dos terreos da súa propiedade, mentres eu mesma e dúas concelleiras, xunto coa inestimable axuda do director xeral de Defensa do Monte, estivemos toda a noite preto do posto de mando, encargámonos de levar a brigadistas a varias zonas para facer contralumes, de poñer a disposición da veciñanza inmobles municipais, e de demandar e coordinar a axuda dos gandeiros cos seus tractores e cisternas en Trabadela ás seis da mañá”.


“Outro concelleiro do goberno municipal estivo co persoal do concello colaborando dende a tarde do día 12 ata a noite do día 13 na extinción do incendio en Penacova, Trabadela e o Castro. Onde estaba vostede?”, pregúntase García Bermúdez.


“O venres pola mañá, ao igual que o xoves de noite, tamén estiven levando a brigadas e motobombas a zonas nas que aínda había perigo, e así o resto dos días, incluso o mércores 18, o día do pregón das San Lucas, no que me vin obrigada a anular a axenda institucional en representación do goberno da Deputación de Lugo para estar cos meus veciños, mentres vostede se decantou por asistir aos actos a Mondoñedo”, asevera a rexedora.


“Estar a disposición para colaborar coa veciñanza é iso, axudar cando realmente facemos falta e podemos ser útiles, é dicir, cando realmente existe un perigo, porque ese día aínda se reavivaba o lume, e non trece días despois de que sucedera esta traxedia e teña pasado o peor”, engade.


A alcaldesa considera “unha magoa que a súa boa vontade, que traslada nun papel, nada teña que ver cos feitos acontecidos nin coas declaracións que fixo o luns 23 de outubro, acusando á alcaldesa de incumprimentos e de non contar con brigadas municipais”.
Este mércores, na reunión co conselleiro de Medio Rural, deunos a razón aos alcaldes que non compartimos o modelo de brigadas municipais actual. Son coñecedores dos problemas que hai para conformalas pola falta de xefes de brigadas, ao igual que entenden que teñen que estar contratadas durante un período de tempo máis longo e non os tres meses actuais”, apunta García Bermúdez na carta.


“Acúsame tamén de que os depósitos de auga están sen limpar e sen auga. A Xunta é a titular de nada máis e nada menos que 28 depósitos en Trabada e tamén trasladamos a necesidade da revisión dos mesmos, incluso a ampliación ou a construción de balsas, porque os depósitos existentes quédanse pequenos para o tamaño da maquinaria actual”, manifesta.


Polo tanto, señor Fernández, os seus feitos unha vez máis nada teñen que ver coas cartas que lle escriben no seu partido. O bo dos pobos pequenos é que nos coñecemos todos e cada un ten a súa traxectoria, que e é coñecida e recoñecida”, sostén a alcaldesa.


“Eu sí me puxen durante estes máis de oito anos que levo gobernando á disposición da veciñanza, a diferencia do que fixeron vostedes cando tiveron responsabilidades de goberno, que lle daban as costas aos veciños por defender intereses particulares”, asegura García Bermúdez.


“Non obstante, en aras de ter un clima de tolerancia, de diálogo e de concordia co grupo da oposición, como alcaldesa do Concello de Trabada cítoo a vostede para o vindeiro xoves, 2 de novembro de 2023, ás 12:00 horas na Casa do Concello”, remata a carta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...