O Concello de Trabada levará ao pleno municipal deste mércores os seus orzamentos municipais para o ano 2024, “unhas contas axustadas á nosa realidade e que cumpren coa estabilidade orzamentaria”, explica a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.
Os orzamentos serán lixeiramente superiores aos 1.730.0000 euros, dos que a terceira parte destinaranse a políticas sociais, como o Servizo de Axuda no Fogar “ou o financiamento, da man da deputación, do centro de atención aos maiores, ao que o concello destina 70.000 euros ao ano”, afirma García Bermúdez.
“O centro de maiores conta cun modelo de xestión que prioriza as persoas e a calidade asistencial”, engade a alcaldesa, que lembra outras partidas sociais, “como a do Punto de Atención á Infancia ou a dos programas de conciliación familiar e laboral”.
Por outra parte, “continuamos cunha contención nos gastos correntes en bens e servizos que nos permite adicar o 25% dos orzamentos a investimentos reais para arranxar inmobles municipais, renovar a rede de estradas e mellorar as nosas dotacións públicas, como os parques infantís e as instalacións deportivas”.
García Bermúdez apunta que “só temos 87.000 euros de débeda, similar á de calqueira familia, despois de anos de moito esforzo para solucionar a situación herdada do goberno anterior hai nove anos” e adianta que os orzamentos “entrarán en vigor o 1 de xaneiro”.
Nas últimas semanas, a alcaldesa mantivo reunións “para darlle participación á veciñanza, saber cales son as súas prioridades e dar resposta ás súas necesidades nos orzamentos, que deben ser unha ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”.