O alcalde de Trabada, Rubén García, quere agradecer o traballo realizado onte polos servizos de emerxencia na extinción do incendio forestal, así como a colaboración veciñal.
“O incendio declarouse no lugar de Lamelas e chegou ata a parroquia de Vidal”, asegura Rubén García, que agradece “o traballo dos servizos de emerxencia e da Guardia Civil”.
García destaca tamén “a axuda da subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e a presenza constante de Mayra García Bermúdez”, así como “a colaboración de todos os veciños con tractores cisterna para evitar danos materiais e persoais”.
“É o segundo incendio forestal que afecta a Trabada en catro meses”, lembra o alcalde, que hoxe mesmo envioulle unha carta ao conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, para demandarlle “unha nova motobomba, xa que a que temos é moi antiga”.
“Necesitamos ademais mellores equipamentos para os operarios e a colaboración da Xunta para a construción de balsas de almacenamento de auga en puntos estratéxicos do concello, que tamén servirían para o seu uso por parte dos agricultores e os gandeiros se hai escasez de auga nos meses cálidos do ano”, remata Rubén García.