-Aínda que forma parte dos municipios que arrodean a ría de Ribadeo, por que cre existe unha idea sobre Trabada como un territorio de montaña ou interior?
Esa é unha idea preconcebida de quen non vive aquí. Formamos parte da Mariña Oriental e dentro dos nosos límites está a ría de Abres. A concepción de Trabada como concello de montaña creo que se debe máis á elevada importancia do sector forestal.
-Como afectou a pandemia ao desenvolvemento dos servizos que presta o Concello?
Mantivemos un contacto fluído coas persoas maiores que vivían soas. Así fomos achegándolles as compras, os medicamentos e tentando que levasen o mellor posible o período de confinamento.
-A esta situación sumouse algunha dificultade a maiores?
Non, porque basicamente a zona rural é a mesma que podemos ver en toda Galicia, como en Ribadeo, Barreiros e outros concellos. Non houbo problemáticas a maiores, mais si somos un concello pequeno con menos recursos para afrontar situacións como a pandemia. Sobre a dispersión, para nós non é máis ou menos problemático que noutros lugares de Galicia, basicamente é a situación á que estamos afeitos a vivir. Aínda así, adoptamos o servizo gratuito de transporte para persoas maiores dúas veces por mes. Percorre todas as parroquias para traer ás persoas maiores e así poidan facer compras e outros servizos.
-Falaba antes do sector forestal como parte da economía de Trabada. Que outros sectores son destacables?
O sector primario ten un forte peso no desenvolvemento económico do concello. Outro sector que durante os últimos anos estivo dando de alta novas iniciativas é o do turismo. Foron numerosas as vivendas turísticas dadas de alta durante os últimos anos e sen dúbida cremos que seguirá medrando.
Sobre dispersión, adoptamos o servizo gratuito de transporte para persoas maiores dúas veces por mes
-Á parte do sector turístico, existen empresas con interese en instalarse no termo municipal?
Si, por exemplo empresas de enerxía eólica que está sendo punteira coa instalación de varios muíños. Segundo o rexistro de parques eólicos da Xunta, hai varias iniciativas que teñen iniciada a súa tramitación administrativa. No Concello tamén vimos de poñer en marcha o primeiro parque eólico co que contamos de Norvento, situado no Picato.
-Trabada ten en marcha proxectos pensando no asentamento de poboación nova e atenuar o envellecemento da veciñanza?
O básico foi crear servizos para atender directamente á cidadanía. Creamos unha residencia para maiores con todas as prazas ocupadas e coa que creamos 20 empregos. Púxose en marcha un punto de atención para a infancia e así permitir a conciliación familiar ademais de crear dous postos de traballo. Cremos sinceramente que implementar servizos públicos e de calidade poderemos axudar a afincar ás familias en Trabada. Por desgraza, o despoboamento é un problema de toda Galicia, aínda así, estamos seguros que con servizos públicos e equipamentos de calidade que permitan gozar do tempo de ocio tamén se consegue fixar poboación. Vimos de renovar a totalidade dos parques infantís no Concello, non só na capitalidade que é outro punto. Entendemos que achegar os servizos ás parroquias e aos veciños, con independencia de onde vivan, permite ter boa calidade de vida. Mesmo agora faremos un campamento infantil durante o verán e vemos que está atraendo nenos doutros lugares. Tamén o facemos para familias con parentes en Trabada ou con independencia de que non vivan en Trabada traballen aquí. Estas son medidas que para nós son como unha carreira de fondo, porque o despoboamento non se pode reverter a curto prazo.
No Concello tamén vimos de poñer en marcha o primeiro parque eólico co que contamos de Norvento, situado no Picato
-Outro tema son as comunicacións. Por Trabada pasan a N-640 e a LU-132, considera que estas dúas infraestruturas son abondo para comunicar o concello co resto de Galicia de maneira rápida e suficiente?
Ben, son as que tivemos sempre e se daquela non se apostou por crear outras infraestruturas, agora será complexo telas. O que estaba na nosa man e así o materializamos, foi crear un servizo de transporte diario con Burela, co Hospital da Costa, algo que consideramos fundamental para a nosa veciñanza. Mais insisto, hai cuestións que se non se abordan no seu momento é moi difícil darlles a volta.
Entendemos que achegar os servizos ás parroquias e aos veciños, con independencia de onde vivan, permite ter boa calidade de vida
-E sobre as vías de comunicación internas teñen acometido algunha acción de mellora ou creación de viais?
Temos feito un importantísimo esforzo investidor en canto vías municipais arranxadas, aproximadamente un millón de euros, ao que debemos engadir outro investimento desde a Deputación de Lugo nas estradas provinciais que conectan coa zona costeira, con Barreiros, a Deputación tamén reparou o firme da estrada que nos comunica con Lugo. A Xunta deberá realizar melloras no firme da LU-132, pois aquí na capitalidade municipal se está deteriorando, así como colocar bandas de seguridade.
-Cal é o proxecto que lle gustaría ter finalizado antes do remate da lexislatura?
Agora estamos traballando nun proxecto que é a construción dun auditorio e gustaríamos de ver rematado antes da finalización do mandato.