O Concello de Trabada aprobou nunha xunta de goberno local as obras e servizos incluídos no Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2022 da Deputación de Lugo, que suporán un investimento de máis de 260.000 euros.
As obras que se realizarán son a rexeneración do pavimento dos accesos a Vilafernando, Pacios, O Acevedo e Vilaformán–Vilapena (79.596,72 euros), e a reforma dos vestiarios do pavillón polideportivo da parroquia de Sante (97.287,62 euros).
Un total de 22.040 euros se destinarán ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o que permite ao concello atender aos veciños e veciñas maiores que non teñen valorada ou recoñecida a dependencia por parte da Xunta, porque en moitas ocasións tardan un ano entre que os valoran e lles asignan o recurso (o que supón que mentras tanto non se poidan atender cando necesitan o servizo). Desta forma, o concello pode dar unha resposta áxil aos maiores e en cuestión de días prestarlles o servizo e atendelos.
En canto ao programa de fomento do emprego, haberá unha achega de 53.313,30 euros para a contratación de persoal de administración e servizos urbanísticos, ao igual que en anos anteriores. Como novidade, este ano tamén se contratará un técnico de turismo a media xornada para a oficina de turismo, situada no recentemente inaugurado Centro Etnográfico “Xosé Rocha”.
Por último, Trabada recibirá 6.437,15 euros para a realización durante o ano de actividades culturais como concertos musicais, teatro e cine na rúa.
“As obras dan resposta ás demandas veciñais e ao noso obxectivo de renovar os servizos básicos e as infraestruturas do concello de forma continua”, explica a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, que lembra que “as administracións locais estamos en primeira liña de atención aos veciños, de aí a necesidade tamén de reforzar o gasto social e de xerar emprego que garanta os servizos no rural”.
A alcaldesa valora de forma moi positiva esta forma de cooperación cos concellos da Deputación, “pois xa a inicios de ano sabemos cal é a achega da Deputación aos concellos, o que supón que efectivamente poidamos executar os proxectos que presentamos”, a diferencia da Xunta, “que establece convocatorias de axudas e hai que agardar meses para que resolva a súa concesión ou denegación, o que supón que no mellor dos casos, coa concesión das axudas se retrasen as execucións dos proxectos, ou no caso de denegar as axudas que despois de pasar o traballo de facer a solicitude e de efectuar o gasto da redacción dos proxectos, non se poidan levar a cabo as actuacións pola falta de colaboración”.