O Concello de Trabada adxudicou as obras para a realización de diferentes melloras nos vestiarios e no ximnasio do pavillón polideportivo municipal.
En concreto, a actuación nos vestiarios será na zona das duchas, renovando o pavimento por un novo e antideslizante, ademais de mellorar a rede de saneamento e os desaugues.
No ximnasio, renovarase a maquinaria existente, como as cintas de correr, as bicicletas e os aparatos de musculación, ademais de repoñer os espellos existentes.
Nas dúas actuacións nos vestiarios e o ximnasio, o Concello de Trabada investirá máis de 35.000 euros, adaptando as instalacións ás necesidades dos usuarios.
“Con estes traballos, continuamos co noso plan de mellora continua das infraestruturas municipais”, asegura a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.
“Para o noso grupo de goberno, o deporte e os hábitos de vida saudables son prioritarios, polo que estas melloras no polideportivo eran moi necesarias”, engade.