O Concello de Trabada xa ten rematado un proxecto para a construción dun centro social da terceira idade na ría de Abres e solicita unha axuda á Xunta de Galicia para a súa posta en marcha.
O pasado mes de marzo, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) asinaron un acordo marco para o desenvolvemento dun Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais con cargo a fondos europeos.
Conclúese no acordo que as actuacións obxecto de financiamento, a través dos correspondentes convenios de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e as entidades locais, serán a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais (centros sociais) para a atención ás persoas maiores e a atención da dependencia.
O Concello de Trabada cumpre todos os requisitos e solicita un investimento de 400.000 euros para o novo centro social. “Levamos anos facendo un esforzo importante para atender aos nosos maiores como merecen: puxemos en marcha a residencia, duplicamos o numero de traballadoras do SAF, facemos actividades nas parroquias de envellecemento activo, e no próximo mes recuperaremos o encontro de maiores”, explica a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.
“O centro social será un paso máis, un espazo no que se ofrezan servizos e actividades preventivas para as persoas maiores de Trabada, axudando ademais desta forma ás súas familias”, explica.
Con persoal contratado directamente desde o concello prestaranse os servizos de promoción, mantemento e recuperación da autonomía funcional, realizando actividades de estimulación cognitiva e fomento de habilidades sociais, de rehabilitación funcional a través de actividade física, actividades de lecer, charlas, e tamén se realizará o servizo de transporte adaptado a maiores.
Trabada comparte unha característica que é común á gran maioría dos municipios galegos, o alto envellecemento da súa poboación, polo que a súa atención é unha prioridade para o grupo de goberno local.