A Xunta de Galicia notificoulle ao Concello de Trabada que lle denega unha subvención solicitada polo grupo de goberno municipal para unhas obras destinadas a mellorar a atención aos veciños e a subsanar as humidades da casa consistorial.
O proxecto técnico do concello destacaba a necesidade da reforma na casa consistorial de Trabada polas condicións das oficinas de atención ao público. A distribución de espazos non se corresponde cos servizos que actualmente se prestan nelas, polo que o que se pretende é mellorar a xestión diaria.
Ademais, detectáronse deficiencias nos paramentos interiores do edificio, principalmente derivadas do paso do tempo desde as últimas intervencións e ás condicións particulares da construción. Trátase de humidades no interior dos paramentos verticais exteriores.
A configuración do edificio, con dúas entradas enfrontadas que se deben conservar por condicións de accesibilidade, non permite a ampliación do espazo dispoñible para as oficinas xerais, polo que a solución adoptada era a redistribución e a renovación do mobiliario.
Para iso, o proxecto eliminaba as compartimentacións actuais de madeira e vidro e o mostrador de atención ao público. Na nova distribución hai dous despachos necesarios de reducidas dimensións e o resto da superficie dispoñible compártese nun espazo diáfano cun novo mostrador máis pequeno para rexistro. Desa forma, permítese que os veciños que veñan realizar as xestións estean sentados e atendidos de forma individual.
O orzamento para esta reforma e o arranxo do problema de humidades no Concello de Trabada ascende a 50.000 euros.