O Concello de Trabada informa aos seus veciños e veciñas dunhas obras para renovar un vial que percorre varios núcleos da parroquia de Sante, cun investimento de 177.853,56 euros e un prazo de execución de dous meses.
A actuación foi aprobada hoxe en xunta de goberno pola Deputación de Lugo, respondendo á demanda da alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez. “É unha obra moi importante, xa que falamos dun vial que da acceso a moitas vivendas e pasa por varios núcleos da parroquia de Sante; é ademais a principal conexión da parroquia hacia a N-640”, explica.
Este vial xa se pavimentou co parque móbil da Deputación no ano 2016, mediante rego asfáltico, e agora renovarase con aglomerado en quente. Ademáis da importancia desta vía polo tráfico que ten, hai que ter en conta que a maquinaria agrícola e forestal cada vez é máis pesada, o que contribúe ao maior deterioro dos viais.
En concreto, os traballos de renovación do firme serán na LU-P-6104 que une Trabadela e A Ría de Abres (N-640). Un total de catro quilómetros moi transitados polos veciños da zona. A alcaldesa de Trabada agradece o compromiso e a colaboración da Deputación de Lugo “para a mellora continua das estradas provincias e do conxunto dos servizos e infraestruturas públicas do noso concello”.
Como exemplo, nos últimos anos a Deputación investiu 191.507,54 euros na reposición da ponte sobre o río Trabada na LU-P-6104; 136.076 euros na rehabilitación do firme da LU-P-5204 en Vidal; máis de 400.000 euros na pavimentación da LU-P-6103, de Trabada, por Fórnea, a Barreiros; renovouse tamén o pavimento da LU-P-5506, de Augaxosa a Trabada (636.094 euros).
Por último, na estrada provincial de Vilaformán fíxose recentemente un rebacheo, “polo tanto, pouco a pouco imos mellorando todas as estradas provinciais”, remata García Bermúdez.