O Concello de Trabada informa da apertura do prazo de presentación de solicitudes para o programa ‘Ludiseráns’. Este programa ponse en marcha coincidindo co comezo do curso escolar para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos seus veciños e veciñas.
O servizo ofértase durante todas as tardes, de luns a venres, desde o remate do horario escolar entre os meses de outubro e maio. Este programa vai dirixido aos nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.
O obxectivo deste programa é promover un servizo de atención e coidado aos menores, coa finalidade de compatibilizar o período non lectivo coa xornada laboral dos seus proxenitores.
“Dende o Concello de Trabada ofrecemos uns servizos que facilitan a conciliación das familias do noso concello; engádese este servizo ao de ‘Madrugadores’, que deu comezo o primeiro día do curso escolar”, lembra Rubén García, concelleiro de Deportes e Saúde.
Os servizos que potencian a conciliación son unha prioridade para o Concello de Trabada, xa que son fundamentais para fixar poboación no rural.