Trabada aproba o orzamento para 2023 duplicando a partida de investimentos

“Son unhas contas expansivas coas que melloraremos as infraestruturas e os servizos públicos”, afirma a alcaldesa, Mayra García Bermúdez  


O Concello de Trabada aprobou hoxe un orzamento municipal de 2.010.326,37 euros para o ano 2023, unhas contas nas que destaca a partida dos investimentos reais.

“Son uns orzamentos expansivos e sociais, con proxectos e investimentos cos que melloraremos as infraestruturas e os servizos públicos para os nosos veciños”, afirma a alcaldesa, Mayra García Bermúdez

No capítulo de gastos, destaca o citado incremento dos investimentos reais, duplicándose prácticamente a partida e chegando ata os 651.278,54 euros, o que supón un 32,40% dos orzamentos municipais.  

“Con esta xestión, continuamos no camiño emprendido por este equipo de goberno, no que priorizamos os investimentos porque permiten importantes melloras nas infraestruturas do concello, e isto tradúcese en mellorar os servicios aos nosos veciños, en contribuír á seguridade dos veciños e visitantes e, en definitiva, en mellorar a calidade de vida no rural”, explica a alcaldesa, “xa que adicamos unha boa parte destes investimentos á mellora de estradas municipais, abastecementos, parques infantís e en xeral á mellora das instalacións municipais, tal e como fixemos dende que gobernamos”.

Por outra parte, as contas recollen a evolución das liquidacións do exercicio anterior e o reflexo dos padróns recoñecidos no 2021. O incremento no capítulo de ingresos derívase principalmente da previsión do ingreso durante o próximo exercicio orzamentario do proxecto do Parque eólico Mondigo, cuxa tramitación administrativa se encontra en fase moi avanzada en canto a informes e autorizacións sectoriais.

Prevese a solicitude de licenza do parque durante o próximo ano, por importe de 730.000 euros, o que suporá un incremento importante da cantidade que se prevé ingresar con respecto á cantidade estimada para o 2022, se ben non se pode facer uso dos mesmos ata que efectivamente se recaden.

Tamén aumentan un pouco os capítulos de persoal, atendendo á previsión de suba do salario dos funcionarios que se prevé para o 2023, e de gasto corrente, para o normal funcionamento dos servizos debido fundamentalmente a dous factores externos, como é a alta inflación e a extraordinaria suba dos costes enerxéticos.

Tamén aumentan as transferencias correntes para facer fronte aos gastos derivados do Centro de Atención a Maiores como consecuencia da próxima ampliación de prazas. En canto ás transferencias de capital, preséntase como novidade a aportación de 20.000 euros ao Concello de Ribadeo, coa finalidade de financiar as obras de rehabilitación e mellora da rede de abastecemento de auga, cumprindo así o convenio recentemente asinado entre ambas administracións.

“Polo tanto, aprobamos en tempo e forma, coa finalidade de contar cun orzamento dende o 1 de xaneiro, e consolidamos unha ferramenta eficaz para a xestión do concello; non se prevé acudir a operacións de endebedamento e trátase de un documento realista e axustado aos ingresos e gastos reais do concello”, remata García Bermúdez.

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here